Redrum Teatro pon en escena este sábado en Nigrán a obra “Un home con lentes de pasta”, ao abeiro do ciclo teatral da Deputación

A representación terá lugar ás 20.30 horas no Auditorio da vila, con entrada libre ata completar o aforo

Nigrán acolle este sábado 2 de decembro a función “Un home con lentes de pasta” no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A representación, a cargo de Redrum Teatro, terá lugar ás 20:30 horas no Auditorio da vila e a entrada será libre ata completar o aforo.

A peza, escrita por Jordi Casanovas e dirixida ao público mozo e adulto, é unha comedia negra que bebe de fontes moi diversas. Búrlase do esnobismo literario e convida ao público a ser auténtico a través da posta en valor do sinxelo e inocente. A historia presenta a Sheyla, que acaba de ser abandonada pola súa parella e a quen os seus amigos Laura e Fer queren animar para que aproveite a oportunidade e faga realidade o seu desexo de escribir. Con esa intención traerán a cear a Guillerme, un poeta “capaz de namorar a calquera cuns breves versos”. Pero a Guillerme non lle van satisfacer as conversas banais nin os frívolos momentos de distensión. Sheyla, Laura e Fer son máis fráxiles do que cren, as súas vidas penden dun fío, afóganse na dúbida, algo que Guillerme non vai desaproveitar.

Co ciclo teatral “Tornar ás Táboas” a Deputación de Pontevedra está a achegar, dende outubro e ata finais de mes, un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Participan neste programa provincial trinta compañías de teatro galegas que están a ofrecer por toda a xeografía de Pontevedra unha ampla variedade de espectáculos.