O ciclo Coloquios en tempos de pandemia centrouse nos retos das enerxías renovables

Contou coa participación do catedrático Xavier Labandeira e o presidente de Norvento, Pablo Fernández

Non existe dúbida de que o planeta afronta un momento de transformación profunda no ámbito enerxético, e neste contexto conflúen a crise provocada pola pandemia, un cambio tecnolóxico de primeira magnitude marcado pola dixitalización e a urxencia da redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. Os retos son múltiples, tanto globais como locais e, precisamente, neste último aspecto centrouse o debate que este mércores organizou a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais no marco do ciclo Coloquios en tempos de pandemia. Os protagonistas do evento, celebrado en modalidade virtual, foron Xavier Labandeira, catedrático de Economía da Universidade de Vigo, investigador do grupo Rede e da agrupación galega Ecobas e director de Economics for Energy, e Pablo Fernández, presidente e director executivo da empresa enerxética galega Norvento.

O coloquio foi presentado polo decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Jorge Falagan, que explicou que o obxectivo deste ciclo é tratar temas de relevancia “neste triste escenario” servindo como “altofalante dos problemas” derivados da pandemia. Tras abordar temas como as vacinas ou as medidas do Banco Central Europeo para a reconstrución, na xornada deste mércores foi a quenda do sector enerxético. No coloquio abordáronse catro bloques temáticos, dende os desafíos para unha sociedade descarbonizada e a posición de Galicia neste contexto ata as posibles respostas á transformación desde o mundo empresarial, para rematar cun serie de propostas para a recuperación post-covid.

Ambos expertos fixeron fincapé na necesidade de que Galicia aproveite os seus recursos pero sempre priorizando, innovando e internacionalizando coa experiencia de Norvento como exemplo. A empresa, “100% galega e con vocación de permanencia”, como explicaba o seu presidente, Pablo Fernández, ten catro valores que a caracterizan: innovación, calidade, deseño e sostibilidade. Na presentación da compañía, lembrou que Norvento naceu co convencemento de que “outro modelo enerxético era posible” e, nese sentido “fomos un pouco disruptivos, pero hoxe vemos que as renovables son unha realidade e xa todo o planeta asumiu que temos que minimizar as emisións de gases de efectos invernadoiro”.

Un novo modelo enerxético

Na primeira parte do coloquio os dous convidados comezaron repasando os retos inmediatos de cara a unha sociedade descarbonizada. Por unha banda, abordaron a necesidade de realizar un grande esforzo para cumprir co Acordo de París, que converte a loita contra o cambio climático nunha causa común a escala global. Neste sentido, Labandeira recoñeceu que “é necesario un grandísimo esforzo para cumprir con París, para poder reducir os 2 grados centígrados que marca o acordo”. Por outra banda, engadía, “está a cuestión da política climática europea, cuns obxectivos moi esixentes para Galicia e para España. Hai que poñerse as pilas dende xa e intensificar moitísimo a nosa acción neste ámbito, porque aínda que hai xente que pensa que isto é a longo prazo, no ano 2030 temos que reducir as nosas emisións un 55% respecto a 1990”. No caso español, remarcaba, “é un esforzo moi considerable, en parte, porque non se fixeron os deberes que tiñamos que ter feito nas últimas décadas”.
 
Todos isto, nun contexto con luces e sombras. Entres os aspectos máis positivos, o catedrático da UVigo referiuse ás tecnoloxías, “moito mellores, máis baratas e máis desenvolvidas en só dez anos, e iso é un punto a favor”. Tamén considera mellor a situación internacional, non só coa vitoria de Joe Biden, senón tamén cos últimos pasos de China e Xapón que se uniron nas últimas semanas á Unión Europea no compromiso para acadar a neutralidade en emisións de gases de efecto invernadoiro para 2050, “que é un avance moi considerable, especialmente no caso chinés”. Estre os aspectos problemáticos, Xavier Labandeira apuntou á cuestión distributiva, para ser quen de espallar “tecnoloxías como as que ten Norvento ao resto do mundo, ese é o gran desafío”.

Galicia, ante o reto de priorizar e innovar

O segundo bloque centrou o debate en Galicia, analizando as fortalezas que pode achegar o país nun contexto complexo, no que a especialización intelixente está a ser priorizada a nivel europeo. Segundo Labandeira, Galicia é “un caso paradigmático porque temos moitos recursos renovables”, co desenvolvemento dunha industria renovable dende a década de 1990 e cunha gran capacidade tanto nas renovables modernas como na “tradicional, a hidráulica, que pode xogar un papel moi importante no futuro como almacenamento, como batería xigante”. Ademais, engadía, “temos a vantaxe de contar cunha industria especializada como a automoción e, sobre todo o naval”, xa que este sector “facilmente pode sustentar unha tecnoloxía como eólica mariña”. Considera o catedrático que Galicia ten capacidades e o que queda por facer é apostar por elas. “O máis importante é priorizar e facelo ben”, e iso implica “soltar algunhas actividades non compatibles co futuro, sen parches, e apostar claramente polo I+D asociado a esas prioridades”. A este respecto Labandeira considera necesaria a colaboración do tecido de innovación público, coas universidades e centros tecnolóxicos á fronte, xunto co tecido empresarial, do mesmo xeito que fan Alemaña ou EEUU, e posicionar tamén como prioridade a internacionalización.

O papel da industria no proceso de transformación

Por outra banda, o catedrático da UVigo tamén recalcou que “o contexto no que nos movemos” non atinxe unicamente aos políticos, “o mundo empresarial ten que estar no centro desta gran transformación, senón non vai ser posible, por suposto axudado dunha regulación pública axeitada”. Neste sentido, o responsable de Norvento remarcou que a “industria enerxética xa está no bo camiño, por exemplo coa enerxía solar e eólica que xa non é necesario subvencionar”. Pero no caso da industria en xeral é preciso que dea un paso á fronte, por exemplo “optando por enerxías renovables nas plantas de produción, por unha mellor eficiencia enerxética ou o aproveitamento e posta en valor dos residuos”. 

O terceiro bloque temático centrouse na visión e nos 40 anos de experiencia de Norvento para responder á transformación desde o mundo empresarial, analizando tanto os nichos tecnolóxicos, a contorna produtiva local, o talento e as posibilidades de competir internacionalmente. Finalmente, no último bloque achegaron as súas visións sobre estratexias de recuperación para a crise xerada pola covid-19 e analizaron en que medida a pandemia pode actuar como unha oportunidade para o sector enerxético en particular.