Preto de 80 traballos optan neste 2023 aos Premios Provinciais á Xuventude que promove a Deputación

A maior parte das propostas para estes galardóns, que celebran a súa sétima edición, presentáronse nas categorías de traballo literario breve e fotografía orixinal, seguidas dos proxectos de investigación

A convocatoria dos Premios Provinciais á Xuventude 2023 da Deputación de Pontevedra recibiu este ano na súa sétima edición un total de 77 traballos, que agora van ser avaliados polos xurados das diferentes categorías. Con estes galardóns, que en total reparten 36.000 euros, a institución provincial busca estimular e promover a creatividade da mocidade da provincia no ámbito sociocultural, así como amosar o seu compromiso no eido da loita contra o cambio climático e a recuperación do medio ambiente.

As categorías que maior interese suscitaron na convocatoria deste 2023 foron as de traballo literario breve, á que se presentaron un total de 22 traballos (3 máis que na edición do pasado 2022) e a de fotografía orixinal, con 21 propostas. Ademais, no caso dos proxectos de investigación houbo tamén unha notable participación, con 17 presentados, unha cifra que tamén se incrementa con respecto aos do ano pasado, cando houbo 15.  O resto das propostas optan aos galardóns nas modalidades de banda deseñada (6); traballo musical (4); educación en valores (3); deseño e moda (2) e nas categorías de contido audiovisual e reacción polo clima, cun traballo presentado en cada unha.

Os xurados que se encargan de avaliar os traballos (hai un para cada unha das categorías dos premios) está formado por técnicos da Deputación de Pontevedra e expertos invitados, como é o caso de Alicia Estévez Toranzo, vicepresidenta da Real Academia de Ciencias e de Víctor Manuel González Sánchez, director do Centro Asociado da UNED en Pontevedra no caso dos proxectos de investigación; de Susana Laya Fernández, codirectora do Atlantic Fest, na categoría de traballo musical ou o do escritor Alberto Fortes na de traballo literario breve, entre outros.

Os Premios Provinciais á Xuventude están dirixidos a mocidade con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos. No caso da categoría de reacción polo clima permítese especificamente a concorrencia de proxectos de centros educativos nos que participe alumnado de entre 12 e 18 anos.