Preto de 5300 mozas e mozos inician “con total normalidade” as probas da ABAU nos tres campus da UVigo

Son o 41,24% do total de toda Galicia: 2779 en Vigo, 1303 en Pontevedra e 1192 en Ourense

Os exames arrancaron ás 10.00 horas coa proba de Historia de España

Preto de 12.800 mozas e mozos de toda Galicia arrancaron este martes nos campus galegos os exames da ABAU 2023, as probas de Avaliación de Bacharelato para Acceso á Universidade, 5274 nas diferentes escolas e facultades dos tres campus da Universidade de Vigo, o que supón o 41,24% do total de toda Galicia: 2779 en Vigo, 1303 en Pontevedra e 1192 en Ourense. Fixérono con total normalidade, cos nervios habituais de primeira hora, cansas e cansos porque levan meses preparándose, as últimas semanas de maneira moi intensa, pero chegan tamén coa satisfacción de demostrar, por fin, que están listos para incorporarse ás aulas universitarias.

“O primeiro que me gustaría destacar é a normalidade”, salientaba tras o inicio da probas o delegado da UVigo na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), o profesor Iván Area, quen explica que, con respecto á anterior edición, a ABAU incorpora neste 2023 algunhas novidades, como a recuperación “dos detectores de frecuencia”, que xa se usaran en 2019, e que “retomamos para garantir a igualdade de oportunidades”. No incio das probas, explica Area, recoñece Area, o uso destes receptores non desatou ningunha incidencia, “máis aló dos móbiles de algún vogal ou algún que quedara dentro das mochilas sen apagar”, mais cara o final da sesión matinal, estes recepctores permitiron detectar o caso dunha persoa que empregara un reloxo intelixente para copiar. Como explica Area, a persoa afectada recoñeceu o uso deste dispositivo e foi expulsada da ABAU, á que poderá concorrer na convocatoria extraordinaria de xullo. «O alumnado ten que entender que este é un proceso de concorrencia competitiva. Se alguén copia e saca mellor nota que outra persoa, ao mellor esta queda sen praza», sinalaba o delegado da UVigo na CIUG.

Nos tres campus da UVigo o número de facultades e escolas nos que se están a celebrar as probas ascende a 18 (9 en Vigo, 4 en Ourense e 3 en Pontevedra), aos que se engaden o IES Cosme López Rodríguez de A Rúa e o Colexio Santiago Apostol-ONCE de Pontevedra, onde se está a examinar o alumnado con discapacidade ou necesidades especiais. Alén de que non houbo cambios no procedemento de realización dos exames, a ABAU 2023 presenta tamén outra serie de novidades, como un horario adaptado para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, que xa contaba nas pautas de adaptación das probas con 30 minutos adicionais para a súa realización. Coa idea de que contasen tamén con media hora de descanso entre probas, decidiuse para eles un horario específico que fixo que este martes iniciasen o primeiro exame media hora antes. Do mesmo xeito, tamén houbo cambios no calendario de chamamentos a matrícula, co obxectivo de harmonizalo co do resto de distritos universitarios, concentrando cinco dos chamamentos no mes de xullo.

2779 mozas e mozos examinándose en Vigo

No campus de Vigo, onde fan as probas 2779 mozas e mozos, hai exames en nove centros, tanto no campus como na cidade, onde, ao igual que no curso anterior, volven ser centros examinadores a Facultade de Comercio (onde se examinan 275 estudantes) e a Escola de Enxeñería Industrial (con 248 estudantes). O centro no que se examinan máis alumnas e alumnos é a Facultade de Filoloxía e Tradución, con 360 estudantes, seguido da sede campus da Escola de Enxeñería Industrial, con 345 estudantes; a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, con 340; a Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, con 330; a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, con 299; a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, con 295, e as tres facultades que alberga o edificio de Ciencias Experimentais, onde se examinan 287 alumnos e alumnas.

Arturo García, do IES San Tomé, e Mencía López, de Los Sauces, examináronse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Unha vez feito o primeiro exame, os nervios xa pasaron. “Bastante ben. Caeron dúas composicións que sabía ben, así que para diante”, explica Arturo, quen admite “espero telas cravado”. Coa mesma sensación saíu da aula a súa compañeira Mencía, quen admite que “xusto caeu o que máis me gustaba, a Segunda República e a Transición e os temas tamén perfectos, sinto que tiven moitísima sorte”. Levan semanas metidos na biblioteca, “no meu caso de 09.00 a 21.00 horas na Biblioteca Central de aquí do campus”, explica Mencía, a quen lle gustaría matricularse en Intelixencia Artificial. A Arturo, deportista de elite, á preocupación pola ABAU uniu o feito de que esta fin de semana participará no Campionato Galego de Patinaxe Artística. “Entre estudar e adestrar, adestrar e estudar, non tiña vida para nada máis”, recoñece, “aliviado” porque xa arrancasen os exames. No seu caso gustaríalle matricularse en Enxeñaría Informática.

Máis de 1300 estudantes enfróntanse ás probas en Pontevedra 

Chegados de 14 municipios da provincia, un total de 1303 alumnos e alumnas enfróntanse nestes días á ABAU en tres centros do campus de Pontevedra. Ao igual que en 2022, Ciencias da Educación e do Deporte é a facultade da UVigo onde máis estudantes realizan estes exames, un total de 505, mentres que o segundo é a Facultade de Comunicación, onde se someten a estas probas 414. Por último, a Escola de Enxeñaría Forestal acolle nestes días outros 345 alumnos e alumnas. Por outra banda, aos tres centros do campus súmase como sede das ABAU o Colexio Santiago Apóstol da ONCE, onde nestes días realizan os exames, coas adaptacións necesarias, doce estudantes con discapacidade ou necesidades especiais. 

Chegados desde o IES Johan Carballeira de Bueu, Aurora Cerviño e Daniel Reguera son dous dos alumnos que desde este martes enfróntanse á antiga selectividade en Ciencias da Educación e do Deporte. Rematado o primeiro dos exames, ambos recoñecen afrontar as probas con tranquilidade, o que vén motivado en parte polo feito de que a súa primeira opción o vindeiro curso non sexa iniciar estudos universitarios. “Estou facendo a ABAU porque xa que rematei o bacharelato quería facela, pero realmente o que quero estudar é Deseño Gráfico e accédese por proba de acceso”, salienta Cerviño, que recoñece que pese a non “ter presión pola nota, hoxe pola mañá si que tiven uns poucos nervios”, xa que se trata dunhas probas “que, obviamente, hai que preparar”. Nesa mesma liña, Reguera recoñece non ter definido aínda que quere estudar o vindeiro curso. “Supoño cun ciclo”, sinala, á vez que incide en que como isto axúdalle a afrontar “moi tranquilo, sen presión” esta ABAU. 

1192 estudantes en Ourense  

Na provincia de Ourense, seguindo a dinámica de anos anteriores, as probas de acceso á universidade realízanse desde este martes no campus e no IES Cosme López Rodríguez, da Rúa. Nelas participan un total de 1192 rapaces e rapazas, dato algo inferior ao do curso pasado, que ascendeu a 1214. No campus de Ourense examínanse en total 1069 estudantes (cifra inferior á do ano 2022, que foi de 1110) e na Rúa 123 (dato superior ao do curso pasado, que foi de 104). Nas instalacións universitarias da UVigo en Ourense, as alumnas e alumnos están a realizar as ABAU 2023 no edificio Politécnico (261 estudantes); no Xurídico-Empresarial (238 na Facultade de Dereito e 266 na de Ciencias Empresariais e Turismo) e no Edificio de Ferro (304 estudantes). 

Entre o alumnado que este martes se examinou no Edificio de Ferro están Valentina Calicchio e Julio Gómez-Casasnovas, do Colexio Maristas Ourense. “Á hora de afrontar este primeiro exame tiven moita calma grazas á preparación que tivemos no centro. Preparámonos durante todo o curso, concienciáronos moito co exame e familiarizáronnos co seu esquema. Durante o exame estiven moi cómoda a pesar dos nervios iniciais”, comenta Valentina Calicchio, que está barallando a posibilidade de estudar a titulación de Enxeñaría Informática. Do mesmo xeito, Julio Gómez-Casasnovas destaca que grazas á “preparación intensa” desenvolvida durante todo este curso afronta estes exames “con certo nerviosismo pero con seguridade”. Así, tras a primeira proba recoñece que “unha vez revisado e ver que me sabía gran parte do exame xa me calmei”. O seu desexo é estudar Bioloxía Mariña ou Ciencias do Mar.