Trátase dunha acción formativa para axudar á mocidade a entender, a través do humor, que é investigación científica e os ensaios clínicos para o desenvolvemento de medicamentos
Preto de 400 rapazas e rapaces de centros educativos da Área Sanitaria de Vigo participaron hoxe no programa Reimaxina a Ciencia-Galicia 2024, unha iniciativa da Consellería de Sanidade, desenvolvida a través da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde (ACIS) en colaboración co Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.
O obxectivo deste obradoiro é axudar á mocidade a través do humor a entender que son os ensaios clínicos para a investigación e desenvolvemento de medicamentos, así como o persoal científico e os factores que interveñen nesta actividade.
No acto, celebrado no hospital Álvaro Cunqueiro, participou o alumnado de ESO e Bacharelato dos colexios Marista-El Pilar, Barreiro, Bouza-Brey e IES do Castro de Vigo e de As Barxas, de Moaña.
Monólogos para explicar a ciencia
O programa o realizan científicas e científicos profesionais a nivel nacional adheridos á Asociación The Big Bang Theory (Big Van Ciencia) que, dende 2013, efectúan actividades por toda España tratando de contar como é a ciencia dun xeito accesible e divertido a través de espectáculos en teatro, radio, televisión, publicacións… chegando incluso a outros países de Europa e América Latina.
Entre os obxectivos que se pretende transmitir mediante estes monólogos, ademais de achegar aos nenos e nenas á realidade da investigación farmacéutica, é axudar a fomentar vocacións científicas entre o alumnado, en especial á hora de decantarse por perfís educativos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
Vigo foi a primeira parada destes monólogos científicos sobre ensaios clínicos na Farmacia e contou con dúas sesións matinais deste espectáculo. Mañá, desenvolverase en Santiago de Compostela e o día 7 en A Coruña.
Nesta edición de Reimaxina a Ciencia-Galicia 2024 prevese contar cun total de 1.160 alumnas e alumnos, pertencentes a vinte centros de toda Galicia.
Gala final
Tras a asistencia a estas actividades, convidarase as e os escolares á participación nun concurso elaborando vídeos propios nos que mostrar a súa capacidade de comunicar ciencia.
Os vídeos seleccionados serán presentados en directo nunha gala amenizada por Big Van Ciencia. Un xurado composto por membros da comunidade cultural, educativa e científica elixirá o vídeo gañador.

