Preto de 1.500 persoas da contorna de Vigo e do sur da provincia desfrutaron este ano do programa de termalismo da Deputación

Do total, 1.222 beneficiáronse da modalidade de pernoita, mentres que as outras 249 escolleron as saídas diúrnas

1471 persoas da contorna de Vigo e do sur da provincia de Pontevedra desfrutaron nestes últimos meses do 2023 do programa de termalismo e saúde da Deputación “Depotermal”. O programa, dirixido ás persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, cun recoñecemento de grao de diversidade igual ou superior ao 65% ou que teñan acreditado un respiro familiar, ten como finalidade facilitarlle aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ademais, ao mesmo tempo, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.

No caso da contorna de Vigo e do sur da provincia, 1.222 dos participantes beneficiáronse da modalidade de pernoita, a través da que se ofreceu unha estancia de seis días e cinco noites nos establecementos termais, mentres que 249 fixérono da diúrna, asistindo e desfrutando das instalacións durante cinco días consecutivos. En concreto, por concellos, foron beneficiarios do programa 871 persoas de Vigo, 101 de Redondela, 69 de Nigrán, 59 de Soutomaior, 57 do Porriño, 47 de Tui, 38 de Mos, 33 de Salceda de Caselas, 31 de Baiona, 27 de Salvaterra de Miño, 24 de Crecente, 19 de Covelo, 18 de Gondomar, 15 de Tomiño, 12 da Cañiza, 12 do Rosal, 11 de Ponteareas, 9 de Fornelos de Monte, 6 das Neves, 4 de Mondariz, 3 da Guarda, 2 de Arbo, 2 de Oia e 1 de Pazos de Borbén.

Ao longo da súa participación en Depotermal as persoas participantes puideron desfrutar de actividades de animación sociocultural e de tratamentos gratuítos como sesións monitorizadas de activación muscular e articular, tratamentos dixestivos con augas medicinais, piscina terapéutica, actividades para mellorar a mobilidade e a circulación, combater a dor e a inflamación e reducir o estrés, entre outros moitos. En total, no conxunto da provincia participaron 2.500 persoas das cales 1.800 gozaron de estancias con aloxamento e outras 700 aproveitaron a asistencia diúrna.