Portas abertas nos castelos de Soutomaior e Sobroso polo Día Mundial do Turismo

A Deputación de Pontevedra permitirá visitar gratis os dous recintos históricos o 27 de setembro, con entrada libre ata completar aforo

A Deputación de Pontevedra conmemora este 27 de setembro o Día Mundial do Turismo cunha xornada especial de portas abertas nos castelos de Soutomaior e Sobroso. Tanto os recintos históricos como os seus xardíns poderán visitarse de forma gratuíta, sen reserva previa e con acceso libre ata completar a capacidade.

Un percorrido pola historia en Soutomaior e Sobroso

O castelo de Soutomaior permitirá descubrir a súa historia a través dun itinerario musealizado que aborda desde as revoltas irmandiñas ata a figura de Pedro Madruga, con salas interactivas e proxeccións audiovisuais. Pola súa banda, o castelo de Sobroso ofrece un percorrido polas súas salas con materiais didácticos e unha terraza panorámica equipada con paneis informativos para interpretar a paisaxe circundante.

Horarios de visita

O castelo de Soutomaior pode visitarse todos os días ata o 30 de setembro, de 10:00 a 21:00 horas, mentres que o de Sobroso abre de luns a domingo en horario de mañá e tarde, tamén ata finais de mes.