Por primeira vez toda a comunidade universitaria poderá seguir a retransmisión en directo dun consello de goberno virtual

Imaxe da primeira sesión de Consello de goberno virtual.

Abordarase a aprobación das medidas extraordinarias cara a docencia do curso 20/21

A sesión, tamén presencial no Paraninfo e con aforo limitado para os membros, será o 2 de xuño

“Ante a importancia dos temas a tratar, pero probablemente como unha medida que valoraremos para o futuro, queremos retransmitir esta sesión ordinaria do Consello de Goberno”. Nestes termos explica o reitor Manuel Reigosa a decisión do equipo de goberno de retransmitir en directo a través de UVigoTV a sesión ordinaria de Consello de goberno, que se celebrará o vindeiro martes 2 de xuño. Esta transmisión permitirá que todos os membros da comunidade universitaria (PDI, PAS e alumnado) poidan seguir en directo, mediante un contrasinal que se lles facilitará, a sesión que se celebrará de xeito virtual e tamén presencial, con aforo limitado para os membros do órgano de goberno, no Paraninfo do campus vigués. Pola súa banda, os integrantes do Consello de goberno participarán na sesión, ben a través de Campus Remoto, ben asistindo de xeito presencial.

Na sesión, con 17 puntos na orde do día, “por unha banda, imos explicar a nosa visión sobre o funcionamento da adaptación do final de curso á situación derivada da pandemia, pero, sobre todo, queremos debater e aprobar unha serie de medidas extraordinarias e urxentes cara á docencia do vindeiro curso. Queremos ter adiantada esta planificación que nos vai a obrigar a facer certas inversións para que a satisfacción da comunidade educativa sexa o mais alta posible. E presentaremos medidas para os diferentes escenarios previsibles no curso”, detalla o reitor en relación co punto 3 da orde do día. Tanto neste punto, coma nos restantes, os membros da comunidade universitaria “poden canalizar as súas inquedanzas ou preguntas a través dos membros do órgano de goberno ou dos representantes sindicais que forman parte do mesmo”, explica Miguel Ángel Michinel, secretario xeral da Universidade, que lembra que artigo 2.6 do vixente Regulamento de Réxime Interna do Consello de Goberno establece a posibilidade de asistir ao consello, pero o dereito de voz só lle corresponde, en principio, salvo invitación expresa, aos membros do órgano, así como aos representantes sindicais que forman parte do mesmo. Precisamente, o artigo 2.6 é que tamén establece que “en todo caso, as sesión do Consello de goberno serán abertas a toda a comunidade universitaria”, sinala o secretario xeral.

Toma de postura sobre o programa da Xunta para a transformación da docencia innovadora do SUG

Na sesión, que comezará as 9.30 horas, en primeira convocatoria, e ás 10.00 en segunda, abordaranse, entre outras cuestións, as propostas de celebración de exames presenciais na convocatoria extraordinaria do presente curso; a modificación do calendario académico para o vindeiro curso ou os nomeamentos e prórrogas de profesorado emérito.

Asi mesmo, e a petición do colectivo de oposición ao goberno Ideas que suman, na sesión está contemplada unha toma de postura sobre o Programa de transformación á docencia innovadora do SUG, que a Xunta presentou aos reitores e que esta semana optou por retirar ante a forte oposición manifestada por parte de diversos colectivos. “Dado que este é un tema polémico, pareceunos acaído que se puidera seguir mediante streaming.

Eu espero que, ademais de explicar a nosa postura e a nosa lectura do documento de traballo presentado pola Xunta, poidamos achegar posturas para o mellor desenvolvemento das accións de mellora que poidamos organizar no futuro próximo”, detalla o reitor, que considera ademais que esta é unha boa oportunidade para falar da programación a medio prazo. “Aínda que hai avances significativos na elaboración do plan estratéxico, penso que esta é unha boa oportunidade para escoitar máis voces e para facer partícipe a toda a comunidade universitaria das reflexións relativas á misión e á visión da universidade. Eu sinto que esa misión e esa visión son partilladas en grande medida, pero esta é unha oportunidade única para dialogar ó respecto”, explica Reigosa.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí