Pontón reclama un plan extraordinario de investimentos para acelerar o corredor atlántico cun calendario de execución

“Temos unha posición de retraso que hai que corrixir, pasar das palabras aos feitos porque é unha infraestrutura clave para Galicia”, alega

O BNG propón unha comisión institucional, económica e social galega e unha comisión de seguimento coa participación das forzas parlamentarias

«Só hai anuncios, pero non podemos aceptar que a visión centralista deixe Galicia atrás nun transporte de futuro, máis ecolóxico e barato» sinalan

A portavoz nacional, Ana Pontón, elixiu a estación ferroviaria de Guixar en Vigo para reclamar que Galicia non quede atrás nos deseños ferroviarios de transporte por mercadorías e para darlle un impulso real a un asunto estratéxico para o futuro, explicou a líder do BNG que citaba a valoración que a propia UE.

“Dicía un ex comisario europeo de transportes que quen non figure na rede transeuropea de transporte será un cero á esquerda e non podemos permitir que Galicia, na práctica, quede fora deses deseños, estamos ante un feito clave para a competitividade da nosa economía, e o Bloque non vai aceptar que a visión centralista que cada vez ten máis peso no Estado faga que Galicia quede atrás”, argumenta.

E para iso, a líder nacionalista formula propostas que permitan pasar das palabras aos feitos. En primeiro lugar, propón unha fronte de País onde estean institucións, empresariado, sindicatos, organizacións políticas e universidades en defensa da infraestrutura. Segundo, un Plan extraordinario de investimentos para o corredor atlántico, no seu tramo noroeste, acompañado dun cronograma que defina proxectos e prazos de execución. E para que evitar erros do pasado, “porque de promesas incumpridas sabemos moito en Galicia, imos impulsar a creación dunha comisión interinstitucional que inclúa ao Goberno galego, o goberno central e todos os axentes implicados nesta infraestrutura”, explicou.

Pontón destaca que os feitos acumulados ao longo da última década neste asunto da motivos para a alarma, esgrimindo os datos que mostran a discriminación do goberno central dun e outro signo.

“Basta de anuncios, queremos feitos”, indicou, porque hoxe “a porcentaxe de transporte ferroviario de mercadorías no Estado é aproximadamente o 4%, mentres en Galicia é inferior; e obxectivo anunciado o pasado venres en Santiago é chegar ao 12% no noroeste en 2040, unha proposta moi pouco ambiciosa tendo en conta que a media en Europa é xa do 16,8% e países como Alemaña ten xa o 23%”.

Polo tanto, alegou, o corredor atlántico precisa un impulso porque Galicia leva unha década de retraso e discriminación con Galicia, e aí están os datos.

“En 2013 o corredor atlántico quedou excluído do mapa, por certo cos votos do PP e do PSOE en Bruxelas, vimos como o corredor mediterráneo conta con un comisionado desde 2017, mentres que para o corredor atlántico acaba de anunciarse dunha maneira efectista, xa veremos se efectiva, e vimos como nos últimos anos a maioría dos investimentos se concentraron en Madrid, Andalucía e Euskadi”.

Ademais, o Bloque subliña que mentres o corredor mediterráneo ten un cronograma e un plan director claro, en Galicia só hai anuncios e indefinición, “inaceptable nunha infraestrutura estratéxica para a competitividade da nosa economía, porque o tren é o transporte de futuro, un medio máis ecolóxico, eficiente e máis barato”.

Conexión con Portugal

Pontón destacou a importancia do corredor atlántico para Vigo, en particular para o seu porto, “referente de entrada de mercadorías por mar que precisa a conexión ferroviaria” e, igualmente puxo o foco na PLISAN, como gran polo loxístico o que implica que debe ter garantida a conexión por tren, aínda pendente.

Outra cuestión pendente é a conexión con Portugal, e o BNG considera clave acelerar os proxectos e os investimentos da conexión a través do Eixo atlántico entre Galicia e o país luso, a nova liña de alta velocidade entre Vigo-Braga-Porto e a mellora do transporte de mercadorías a través da liña actual que vai a Porto por Viana do castelo, concluíu.