Pontón defende en Vigo o seu compromiso con «liderar un goberno a favor desta cidade para que ocupe o lugar que lle corresponde»

A candidata nacionalista á Xunta presenta a lista pola provincia de Pontevedra e aproveita para criticar as políticas educativas do actual goberno autonómico

A candidata do BNG á Xunta de Galicia, Ana Pontón, presentou hoxe en Vigo a candidatura da súa formación pola provincia de Pontevedra para as eleccións ao Parlamento de Galicia. Un acto no que remarcou o seu compromiso para «liderar un goberno a favor desta cidade, para que Vigo acade todo o seu potencial e ocupe o lugar que lle corresponde como motor industrial e tecnolóxico de Galicia«.

Entre as propostas avanzadas pola candidata figuran converter Vigo nun referente en I+D+i, man a man co sector público, co sector privado e coa Universidade, cuxo campus ten xa unha clara vocación tecnolóxica; impulsar un plan de reindustrialización de Vigo e a súa área de influencia que atalle a perda de emprego no sector industrial. E medidas para frear a deslocalización de empresas vinculas ao cluster do automóbil cara Portugal, tendo en conta que o sector de automoción forma parte do ADN de Vigo.

A candidatura de Pontevedra está liderada por Luís Bará e conta con Montse Prado e Alexandra Fernández como número dous e tres dunha lista que tamén inclúe a Manuel Lourenzo, Carmela González, Paulo Ríos, Cristina Fernández, entre outras, representantes dos distintos sectores económicos, sociais, persoas que coñecen ben esta cidade e o conxunto da provincia.

Pontón aproveitou a súa estadía na cidade para abordar tamén o tema educativo. A candidata criticou que o goberno galego suma, na súa opinión, «once anos de recortes en educación», e «agora di que non ten cartos para contratar o profesorado necesario no escenario post Covid-19».

“Como se entende que pola maña Feijóo pida destinar fondos de educación para outros fins e pola tarde diga que non ten cartos para contratar máis persoal educativo, máis profesores e profesoras para o próximo curso escolar, cando son necesarios para que as clases se impartan coas máximas garantías sanitarias, que clase de broma de mal gusto é esta?”, interpelou.

O curso escolar ten que reiniciarse coas máximas garantías sanitarias para o alumnado e para o profesorado e Feijóo non pode dicir que non hai cartos despois de ter pedido poder desviar fondos de educación, non pode dicir que non hai cartos despois de once anos de recortes no sistema universitario, e non pode dicir que non hai cartos quen esta de brazos cruzados en lugar de conseguir que Galicia reciba un trato xusto nos fondos do Estado e dos fondos de Europa, que é o que faría un goberno responsable”.

Pontón subliñou que o BNG propón negociar con criterios claros “un reparto xusto para Galicia dos fondos previstos polo Estado para paliar os efectos da crise derivada da pandemia e dos recursos previstos desdea Unión Europea. Só un irresponsable estaría de brazos cruzados como fai Feijóo instalado ademais na improvisición permanente nun momento crucial como é a desecalada”.