Podemos-Marea de Vigo sintetizan en 500 propostas e reflexións sobre o modelo de cidade o seu programa electoral

O programa enfatiza a democratización do Concello, cun novo regulamento de participación cidadá, cunha proposta seria e rigorosa de creación de parque de vivenda pública de iniciativa e titularidade municipal, e que eleve o gasto social aos 100 euros por habitante para combater pobreza e exclusión social

O candidato de Podemos e Marea de Vigo á alcaldía, Rubén Pérez, e Meli Vázquez, candidata número 2 presentaron hoxe a súa proposta programática que resume en 500 propostas agrupadas en 25 áreas e que son a firme aposta da coalición por máis recursos para os concellos e máis competencias en materia de vivenda, servizos sociais ou emprego.

O candidato de Podemos e Marea de Vigo lembrou que «a nosa candidatura presenta 500 propostas serias, que se aplican de xeito normalizado onde goberna Unidas Podemos e outros espazos progresistas e que aposta claramente por unha descentralización de competencias e recursos cara os concellos, feito que sigue a ser a gran eiva administrativa da democracia»

«Os nosos concellos xogan un importante papel no proceso de consolidación da democracia, dando resposta de forma permanente e de primeira man ás crecentes demandas cidadás e asumindo competencias que son responsabilidade das administracións central ou autonómica. Proba disto foi a propia crise da COVID onde o Concello de Vigo foi a primeira institución en dar rápida resposta a moitos do retos que a pandemia puxo na nosa sociedade» Polo tanto os recursos e as competencias «son un feito irrenunciable para a nosa candidatura»

O programa de Podemos e Marea de Vigo enfatiza tamén a democratización do Concello, cun novo regulamento de participación cidadá, cunha proposta seria e rigorosa de creación de parque de vivenda pública de iniciativa e titularidade municipal, e que eleve o gasto social aos 100 euros por habitante para combater pobreza e exclusión social.

Podemos e Marea de Vigo debullan tamén nas súas propostas que Vigo ten que valorizar o seu amplo e plural movemento cidadá, o seu movemento veciñal federado a través de mecanismos como os Orzamentos Participativos que terán a finalidade de consignar colectivamente unha parte sensible dos orzamentos en materia de investimentos. 

Rubén Pérez resumiu as propostas centrais do programa da Coalición Podemos – Marea de Vigo que poden condensarse en varias cuestións centrais: “O noso programa prioriza as persoas. Pensamos que no centro deben estar a democracia, os dereitos das persoas e a xustiza social. O traballo, o pan, a vivenda, a equidade, os dereitos sociais, a saúde, a educación, o ben común, endefinitiva, a vida das viguesas e os vigueses debe estar no centro das nosas políticas municipais”.