Podemos-Marea de Vigo propoñen reconverter as zonas públicas sen alta densidade de árbores en bosques urbanos para reducir contaminación e baixas temperaturas nas vagas de calor

A coalición considera “un magnífico traballo” o manual para a xestión do arboredo urbano que Ecoloxistas en Acción ven de remitir aos partidos que concorren a este proceso electoral

“Os incrementos de temperatura que van vivir as cidades no conxunto do planeta están a configurar novas políticas de aumentar as masas forestais urbanas e buscar espazos de sombra e amortiguación climática. París ou Barcelona xa traballan contra reloxo para evitar as prazas sen masas forestais ou as rúas sen sombra despois de realizar medicións e estudos que non deixan outra alternativa, tanto pola saúde dos veciños e veciñas, como pola captación de contaminación e fomento da biodiversidade urbana” sinala Meli Vázquez, candidata nº 2 de Podemos-Marea de Vigo. “Vigo non pode permanecer allea a esta realidade creando espazos sen sombra nin superficie vexetal como o realizado na actual Porta do Sol”.

Ademais de a súa plantación é necesario mantela para evitar pragas e morte de especies como ten acontecido nestes anos. O grupo municipal da Marea de Vigo xa levara esta cuestión ao pleno nesta lexislatura mediante unha moción instando ao Concello de Vigo á creación dun Plan Director do Arboredo. Na moción pedíase que se garanta a preservación do patrimonio arbóreo e a biodiversidade, así como a saúde integral das árbores tendo en conta as especificidades e necesidades de cada especie en canto a calidade e espazo do solo, tallas, e demais coidados para o seu óptimo ciclo de desenvolvemento.

Entre as propostas de Podemos e Marea de Vigo, ademais de apoiar a proposta de manual remitido por Ecoloxistas en Acción Vigo, está a de velar periodicamente polo estado de saúde das árbores. “Aplicar as tallas porque as árbores están doentes non é unha política de protección do patrimonio arbóreo. Cómpre aplicar un control integrado de pragas e de enfermidades, así como potenciar e difundir o valor das plantas beneficiosas, favorecendo o desenvolvemento da vexetación espontánea”. “É preciso planificar o arboredo coma unha infraestrutura verde que se estende en forma de rede por toda a cidade, de maneira semellante a como o fan o resto de infraestruturas e servizos urbanos”.

Dende Podemos e Marea de Vigo, deféndese conservar a biodiversidade e desterrar a consideración do arboredo coma unha peza máis do mobiliario urbano, incluso unha peza de pouco valor, daquelas pezas decorativas que, carecendo de historia e de vencello coa cidade, poden substituírse en calquera momento.

Podemos e Marea de Vigo consideran urxente taméndar cumprimento ao establecido na Ordenanza Municipal de Medio Ambiente, referida a Zonas naturais e espazos verdes, vixente dende 1994 e que xa actualmente establece o compromiso de contar cun catálogo municipal actualizado de “formacións e especies vexetais singulares e prohibe pendurar elementos como as luces de nadal na superficie arborada.