Podemos – Marea de Vigo piden uns orzamentos participativos e Xuntas de Distrito

O candidato da coalición, Rubén Pérez Correa.

Consideran que a mellor maneira de administrar os recursos públicos é democratizando a xestión dos mesmos

Podemos – Marea de Vigo propón impulsar no municipio mecanismos para que a cidadanía viguesa poida decidir democraticamente o destino dos recursos públicos, «procurando entre todas as mellores solucións ás necesidades existentes no noso Concello».

A coalición Podemos – Marea de Vigo aboga por «desenvolver en Vigo mecanismos que sirvan para promover uns orzamentos participativos que consigan dotar a xestión dos recursos públicos municipais de maior transparencia e eficiencia, e que poida abrirse un debate entre o conxunto da cidadanía viguesa, os representantes políticos e o persoal técnico sobre o uso do diñeiro público que, en definitiva, procede dos impostos da cidadanía viguesa».

Para Podemos-Marea de Vigo os orzamentos participativos favorecerían unha maior transparencia e eficiencia na xestión municipal. Ademais entenden que melloraría a comunicación entre a administración municipal e a cidadanía viguesa, «porque xerarían espazos de interlocución entre representantes públicos, veciños/as, colectivos sociais e persoal técnico».

«Temos o convencemento que coa aplicación duns orzamentos participativos favoreceríase un proceso aberto a toda a veciñanza, que posibilitaría a participación directa de todas as persoas, superando así a lóxica reducionista baseada na participación representativa, que se limita á acción de votar cada catro anos», sinalan nun comunicado.

Por outra banda, Podemos – Marea de Vigo avoga por que sexa un «proceso autorregulado», é dicir, que son os propios participantes os que deciden como deben ser as «regras do xogo» que deben rexer o proceso. «Cos orzamentos participativos fomentariamos a reflexión activa e a solidariedade por canto todos os veciños e veciñas terían a oportunidade de coñecer e dialogar sobre os problemas e demandas do resto da veciñanza», conclúen.