Podemos – Marea de Vigo opóñense a novos recheos en Bouzas

Rubén Pérez sinala que «calquera desenvolvemento de infraestruturas portuarias mal planificadas afectaría moi negativamente a moitos sectores económicos relacionados co mar, destruiría a nosa contorna ambiental e paisaxística, e esnaquizaría as potencialidades turísticas de Bouzas»

O candidato á alcaldía, Rubén Pérez e Meli Vázquez estiveron hoxe en Bouzas e tiveron a oportunidade de falar coa veciñanza sobre os problemas e necesidades desa zona da cidade.

Rubén Pérez e Meli Vázquez mostraron a súa oposición frontal á realización de novos recheos na ría de Vigo, coa escusa de conseguir máis superficie para desenvolver a actividade portuaria.

Meli Vázquez explicou a un grupo de veciñas e veciños de Bouzas que os recheos na costa son proxectos daniños e moi lesivos para o medioambiente e que en Bouzas sempre foron impulsados sen contar con ningún consenso social.

Rubén Pérez, engadiu que “calquera desenvolvemento de infraestruturas portuarias mal planificadas afectaría moi negativamente a moitos sectores económicos relacionados co mar, destruiría a nosa contorna ambiental e paisaxística, e esnaquizaría as potencialidades turísticas de Bouzas. Pérez agregou que os recheos están a minguar a calidade de vida da cidadanía de Bouzas e de Vigo no seu conxunto. O candidato á Alcaldía por Podemos – Marea de Vigo salientou que o Concello de Vigo non se opón a determinadas prácticas depredadoras que esnaquizan a nosa costa, que destrúen postos de traballo relacionados coa pesca e o marisqueo e que están a causar a «un dano catastrófico e irreversíbel ao medio natural e ao ecosistema de Bouzas e Vigo no seu conxunto».

O candidato á alcaldía de Vigo defendeu que o goberno de Abel Caballero debería dicir claramente que non pode volverse atentar contra a Ría de Vigo. E pediulle publicamente que explique ás veciñas de Bouzas por que non se opón aos recheos.

Ademais do tema dos recheos en Bouzas e a ría no seu conxunto, Rubén Pérez lembrou a necesidade de remunicipalizar a subministración de auga e o saneamento da cidade.

Ao ser preguntado por unha veciña sobre a cuestión da depuradora en Vigo, Pérez indicou que se están cometendo moitos erros que poderían evitarse e afirmou que a Fiscalía de Medio Ambiente e outras institucións do Estado ou a propia Unión Europea poderían sancionar ao Concello de Vigo con multas millonarias por non depurar correctamente as augas residuais da nosa cidade. Lembrou que é necesario un axeitado e minucioso mantemento técnico das instalacións da EDAR e que Podemos – Marea de Vigo priorizarán o correcto funcionamento, mantemento e mellora da depuradora de Vigo.