Podemos-Marea de Vigo levarán como lema de campaña «Recupera Vigo»

Rubén Pérez.

Trátase, apuntan, dunha chamada a recuperar democracia, control dos servizos públicos e dereitos para a cidadanía que vive e traballa en Vigo

Podemos e Marea de Vigo avanzaron hoxe o lema de campaña co que concorrerán ao proceso electoral que arrinca este 12 de maio: Recupera Vigo. Un lema que pretende por en valor que, pese ao avance urbano e de servizos públicos nas grandes cidades, Vigo asiste a unha permanente sensación de que aos veciños e veciñas se lles furtan dereitos e decisión democrática.

Un modelo especialmente cronificado durante o mandato de Abel Caballero pero que xa se construíu a partir de finais dos 90 e a década pasada. Un modelo no que finalmente o urbanismo adaptouse ás necesidades duns poucos e desapareceron entre outras cousas empresas públicas municipais como EMAVISA polo que a cidade é un espazo que hai que democratizar.

“O lema da coalición”, sinala Rubén Pérez, candidato á alcaldía: “pretende dar voz tamén dende a aposta polo sector público, a “recuperación do control cidadá sobre os servizos públicos”, comprometéndonos a loitar contra a externalización e privatización dos servizos públicos como a recente xestión privada da apertura e peche de 15 pavillóns municipais.” Mentres o debate en moitas cidades é recuperar para o público servizos  privatizados, “nesta cidade non se abriu este melón nin sequera no feito de ter en conta a opción da remunicipalización de todos aqueles servizos cuxas concesións foron terminando como Aqualia e Vitrasa.”

Recupera Vigo tamén é apostar pola contratación pública con criterios de transparencia e igualdade e potenciando a representación social nas mesas de contratación, recuperar o emprego público perdido dende a crise da década pasada, mellorando ofertas de emprego público periódicas, reguladas e con criterios de inclusión social, realizando convocatorias desagregadas por grupos de persoas con discapacidade e todas elas con base en criterios de igualdade na promoción e o salario.

Para Podemos e Marea de Vigo Recuperar a cidade é facer do procesos administrativos no Concello de Vigo un exemplo de transparencia, loitando contra os “enchufes” que aparecen xa mesmo en procesos xudiciais, traballar por criterios de publicidade e transparencia en todos os contratos menores e maiores e calquera fórmula de gasto público que saia da institución local.