Podemos-Marea de Vigo consideran prioritario o uso do remanente en equipamentos culturais, educativos e sociais

No pleno extraordinario de hoxe, no que se aprobou o uso de 1,8 millóns de euros para as Festas de Vigo e o Marisquiño o grupo municipal de Marea de Vigo defendeu mobilizar máis recursos do remanente pero tamén para dotacións culturais, novos equipamentos e sobre todo crear un colchón social para que ninguén quede atrás na cidade

Podemos e Marea de Vigo consideran que a suspensión das regras fiscais para os exercicios 2021, 2022 e, «afortunadamente prorrogada para este 2023, supoñen unha oportunidade histórica para as administracións públicas de facer fronte a unha situación económica e inflaccionaria con numerosas incertidumes». A non existencia de teito de gasto aplicando sobre o uso dos remanentes de tesourería, a inxección de recursos públicos vía Orzamentos Xerais do Estado e os fondos europeos constitúen «unha oportunidade histórica especialmente para as administracións locais que son sen dúbida os que menor capacidade de financiación teñen e que máis gasto impropio soporta».

Rubén Pérez, candidato á alcaldía pola coalición, sinalou hoxe en pleno que «esta nova situación permitiu ao Concello de Vigo mobilizar xa máis de 80 millóns de euros que significa poder empregar recursos económicos extraordinarios a maiores dos recursos que ordinariamente se mobilizan en cada exercicio orzamentario. Esta inxección de recursos extra debería ser planificada globalmente en programas económicos orientados á minorizar as consecuencias económicas e sociais das coxunturas que provocaron as decisións políticas que desbloquearon por fin o uso de estes recursos».

«Porque se ben durante anos se consideraban case intocables baixo o paraugas da Lei 27/2013 de racionalización e sostenibilidade da Administración Local agora se liberan os seus empregos para evitar que a crise sanitaria da COVID e a situación de crecemento inflacionario de prezos polo conflito de Ucraína faga mella nas economías das familias e sectores económicos presentes na nosa sociedade», recordan.

Dende a formación política sinalan que «con estes recursos extra se deberían artellar programas de cobertura sociais para evitar a cronificación da pobreza, reverter o terrible impacto do aumento do prezo da vivenda, os prezos públicos, a falla de dotacións públicas como escolas infantís ou centros de día que permitan conciliar, equipamentos culturais e educativos, programas de inserción de emprego e consolidación do mesmo, etc.».

Podemos e Marea de Vigo consideran, ademais de esta proposta de incorporar 1.840.000 millóns de euros do remanente  para os programas de Festas de Verán, Festival de Jazz, Semana de Música Clásica e Marisquiño, hai que comprometer con urxencia recursos para dotar dun parque de vivenda pública, rehabilitar e reacondicionar vivenda existente, completar o equipamento cultural e educativo na cidade e empregar dentro dos usos posibles, recursos procedentes do remanente para completar o catálogo de servizos sociais na cidade.