Podemos-Marea de Vigo comenza unha campaña electoral «coa certeza de que é tempo das medidas sociais, de vivenda e de xestión de servizos públicos que reclamou nestes anos na corporación»

Podemos-Marea de Vigo centrarán os actos electorais en poñer en valor o traballo realizado nestes anos na corporación cunha proposta coherente na defensa de servizos públicos orientados ao interese xeral e non ao negocio de concesionarias privadas, a defensa da capacidade do Concello en actuar como elemento de contención da alza de prezos dos alugueiros ou un urbanismo sostible

O candidato de Podemos e Marea de Vigo á alcaldía, Rubén Pérez, presentou hoxe o cartel electoral e as liñas xerais coas que as 00 horas de hoxe a coalición arranca a campaña electoral. «Temos a certeza de que o traballo coherente destes anos, a vocación de ser representantes dun xeito de facer política rigoroso e apegado á realidade da cidade vai contar co apoio dunha cidadanía crítica, solidaria e que pensa nun modelo de cidade que non deixe a ninguén atrás».

Acompañado de Meli Vázquez, número 2 da candidatura de Podemos e Marea de Vigo lembrou que o lema de campaña, Recupera Vigo, é un chamamento a por en valor unha «secuencia histórica de cidade» onde «se evitaban os presidencialismo de alcaldes para abrir socialmente as decisións, onde non se masacraba ao movemento veciñal por ser crítico ou demandar melloras para os barrios e parroquias, onde existían empresas e servizos públicos de xestión directa como a empresa municipal de augas EMAVISA ou se desenvolvían programas culturais e sociais participados polo movemento veciñal e o tecido asociativo».

Podemos e Marea de Vigo presentarán o venres tamén un programa de propostas no que se inclúen 500 puntos de actuación, tanto a nivel de proposta de goberno como de reflexións sobre como ten que ser o municipalismo e a xestión no Vigo para os vindeiros anos. «500 propostas que levan 8 anos sendo recollidas nun aplicativo chamado PROGRAMA VIVO en funcionamento dende 2015 e que acumulou máis de 1200 propostas agrupadas por temáticas, parroquias e barrios e elementos incorporados por entidades sociais coas que se mantivo contacto nestes anos», recordan.

A campaña contará con actos diarios, ben de carácter veciñal ben de temáticas concretas, para debullar tanto a proposta política como tratar temas monográficos como urbanismo, financiación local, medio ambiente e territorio, servizos sociais e pobreza, vivenda pública, etc…