Podemos e a Marea de Vigo chaman a «recuperar álvarez» para un novo ámbito industrial non contaminante e coworking

Rubén Pérez e Meli Vázquez, xunto ao equipo de campaña e outros membros da candidatura de Podemos – Marea de Vigo, estiveron hoxe fronte á antiga fábrica Santa Clara do Grupo de Empresas Álvarez (GEA) onde realizaron un acto reivindicativo baixo o lema: Recuperemos Álvarez. O candidato de Podemos – Marea de Vigo dixo que en Vigo hai moitos espazos abandonados que deben ser recuperados como Santa Clara, en alusión á vella factoría alí situada e actualmente en estado ruinoso.

Rubén Pérez dirixiuse ás persoas alí congregadas e fixo alusión ao Grupo de Empresas Álvarez. Nun momento da súa intervención Pérez afirmou: “Santa Clara e o Grupo de Empresas Álvarez (GEA) chegou a converterse no seu día no primeiro grupo cerámico de España, contando na época de maior actividade cuns 5.000 empregados. Esa empresa de cerámica que foi unha factoría tan importante durante anos e que mesmo exportaba moitos dos seus produtos, agora está completamente abandonada, en ruínas e os seus locais foron obxecto de todo tipo de saqueos, mesmo a plena luz do día. É triste ver esta contorna da cidade tan abandonado e degradada”.

Posteriormente o candidato á Alcaldía de Vigo de Podemos – Marea de Vigo, lembrou a privatización da factoría do Grupo de Empresas Álvarez que foi vendida a un antigo dirixente da UXT de Valencia reconvertido en empresario, un tal Enrique Fidel T.H. e lembrou tamén aos presentes que “Abel Caballero, naquel momento era uns dos responsables da Comisión Executiva Federal do PSOE e neses días afirmou que era unha boa operación, aínda que probablemente agora vai negar que naquela época dixese tal cousa”.

Rubén Pérez expuxo que Podemos – Marea de Vigo defenden un modelo de cidade moi diferente ao representado por Abel Caballero. A xuízo do candidato de Podemos – Marea de Vigo «é necesario superar o vello modelo fracasado representado por esa elite egoísta e obtusa, composta por individuos como Fernández Gayoso e Pego Alonso da antiga entidade financeira Novagalicia Banco, Manuel Fernández de Sousa e Alfonso Paz Andrade de Pescanova, González Viñas e García Costas no sector naval…que favoreceron unha economía puramente especulativa”.

Pérez salientou que, “fronte ao modelo neoliberal representado polas elites especuladoras e depredadoras antes mencionadas, nós cremos que debería potenciarse a un novo ámbito industrial non contaminante e coworking. Ademais estamos convencidos que imprescindible impulsar na nosa cidade a investigación, o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica (I +D+ i)”. O candidato de Podemos – Marea de Vigo afirmou que “é necesaria unha nova industria que impulse a produción innovadora, creativa, con alto valor engadido e un comercio adaptado ás necesidades reais dos vigueses e viguesas. Habería que impulsar unha economía do próximo, un comercio local baseado nas iniciativas cooperativas, as empresas de economía social e as redes de economía solidaria que respecten o medio ambiente e os dereitos dos traballadores e traballadoras”.

E posteriormente engadiu: “Desde Podemos – Marea de Vigo opinamos que é necesario elaborar un Plan de Desenvolvemento Local para Vigo. Sería moi necesario un amplo debate cidadán para a preparación dun Plan de Desenvolvemento Local e un Plan Estratéxico para o Desenvolvemento Económico de Vigo e a súa área de influencia. Ese futuro plan estratéxico debería ser elaborado por expertos pero con achegas da propia cidadanía a través de métodos participativos, un plan deseñado para axudar a mellorar a calidade de vida da poboación de Vigo, rompendo as dinámicas de marxinación e poñendo énfase en determinados segmentos da poboación, como as mulleres e a mocidade. Para iso teriamos que impulsar un gran debate cidadán e de sectores implicados co obxectivo de crear un consorcio de empresas públicas co apoio da comunidade autónoma, do propio Concello e da Universidade de Vigo. Ese futuro Plan Estratéxico de Desenvolvemento Local sería impulsado baixo a protección e o control público. En resumo e para terminar pensamos que hai que priorizar as persoas fronte ao formigón”.