Instalan unha Unidade Móbil na confluencia entre as Rúas Rosalía de Castro e Pontevedra para realizar este test a todas as persoas interesadas
O servizo de Pneumoloxía da Área Sanitaria de Vigo, en colaboración co Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, habilita hoxe, mércores día 16, unha Unidade Móbil na Rúa Rosalía de Castro esquina Rúa Pontevedra para realizar espirometrías ás persoas interesadas. Os profesionais atenderán na Unidade Móbil desde as 9,30 h. ás 13,30 h.
Esta actividade, na que tamén participarán pneumólogos do hospital Ribeira Saúde-Povisa e profesionais sanitarios de centros de Atención Primaria da Área de Vigo, enmárcase nas diferentes accións conmemorativas do Día Mundial da Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica.
Ademais das espirometrías, principal test para diagnosticar precozmente a EPOC, os profesionais realizará unha proba de idade pulmonar (maior en moitos pacientes fumadores que a súa idade cronolóxica); instruirán sobre o uso de inhaladores; e ofrecerán consello aos fumadores para abandonar o hábito tabáquico.
Segundo explica a responsable da consulta de EPOC de alta complexidade da Área Sanitaria de Vigo, Cristina Represas, “con esta actividade, queremos dar a coñecer á poboación esta patoloxía, que segue sendo unha das máis descoñecidas e menos diagnosticadas, a pesar de que a súa prevaleza foi incrementando nas últimos anos. De feito, en Galicia afecta ao 16,8% dos adultos de máis de 40 anos. Pero hai outro dato importante e alarmante, en torno ao 73% das persoas galegas que a padecen non o saben, en parte porque aínda que presentan síntomas, achácanos ao tabaco, e por iso non o consultan”.
O tabaco, principal causa
A Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC) é unha obstrución crónica das vías respiratorias que dificulta moito a respiración aos afectados e que está causada fundamentalmente polo tabaco. Os síntomas máis comúns da enfermidade son a dispnea (respiración difícil ou desproporcionada á actividade física realizada), tose, ou aumento da produción de esputos, entre outros. Estes síntomas poden limitar a capacidade dos pacientes para desenvolver as súas actividades cotiás.
Esta enfermidade supón aproximadamente un 15% de todas as consultas de Atención Primaria, e chega ao 30% nos Servizos de Pneumoloxía. Supón un importante número de ingresos hospitalarios, sobre todo en épocas invernais, que se aproxima aos 6.000 pacientes anuais nos hospitais galegos.
Fácil Diagnóstico precoz
Diagnosticar a EPOC é fácil e barato, simplemente realizando unha espirometría. Pero para iso, os pacientes deben saber recoñecer os síntomas e consultar ao seu médico de familia ante a presenza destes, sobre todo se teñen máis de 35 anos e antecedente de tabaquismo.
“Un diagnóstico precoz permitirá por en marcha tratamentos para mellorar os síntomas, a calidade de vida e o prognóstico desta enfermidade. O primeiro chanzo do tratamento e o máis importante consiste no abandono do hábito tabáquico, e neste sentido tamén deben ir dirixidos todos os esforzos dos profesionais sanitarios implicados na atención aos pacientes con EPOC, motivándolles e ofrecéndolles axuda para deixar de fumar”, explica a doutora Represas.
Segundo o estudo “Coñecepoc”, publicado por especialistas en pneumóloxía do grupo GalEPOC, só o 40% da poboación galega sabe que é a EPOC, fronte a outras enfermidades como o ictus ou a diabetes, nas que máis do 90% dos enquisados as coñecen. “Por iso son fundamentais estas actividades divulgativas para dar a coñecer esta enfermidade, que é o primeiro paso para combater as altas taxas de infradiagnóstico”.

