Peque González: “Estaremos no Parlamento para loitar por unha lei contra a LGTBIQfobia de verdade”

“Os delitos de odio non deben ter cabida na nova normalidade á que queremos chegar. Fagamos que as penas deses delitos conleven tamén educación en igualdade”, dixo a candidata

A cabeza de lista pola provincia de Pontevedra da Marea Galeguista, Peque González, participou este venres no Auditorio do Mar de Vigo nun acto de celebración do orgullo LGTBIQ. “É para min un orgullo estar falando en nome desta marea diversa que representa a Marea Galeguista”, dixo a candidata. No acto tamén participaron o número dous e o número dez por Pontevedra, Andrés Núñez Rajoy e Esteban Rey, respectivamente.

“Estaremos no Parlamento para que cumpra o papel que lle corresponde: que escoite a todas persoas, que dialogue, que debata, e que lexisle. Revisaremos, modificaremos e dotaremos de orzamento a lei de igualdade LGTBIQ galega, traballando conxuntamente coas asociacións para que sexa unha lei que loite contra a LGTBIQfobia de verdade”, incidiu Peque González.

Igualmente, a candidata da Marea Galeguista, remarcou a necesidade da educación para chegar a unha igualdade real. “No mundo real, e no mundo virtual no que levamos vivindo nos últimos meses, asistimos desde detrás da pantalla a agresións físicas ou verbais. Son delitos de odio, que non deben ter cabida na nova normalidade á que queremos chegar. Fagamos que as penas deses delitos conleven tamén educación en igualdade. Traballemos para que a escola sexa de verdade inclusiva, e remate coa LGTBIQfobia e o acoso escolar”.

Peque González lembrou a Marea Galeguista que será sempre un apoio para o colectivo trans, nunha situación de risco de exclusión social grave: “Asumimos as propostas do colectivo trans, cunha situación dramática no plano laboral, chegando a máis dun 80% de paro. Fagamos que esta nova normalidade que queremos para o país, cunha industria propia e sustentable, non diferencie o acceso a un emprego pola diversidade das persoas que opten a el”.

Pola súa banda, Andrés Núñez Rajoy lembrou “que hai que traballar arreo, porque a liberdade sexual inda non esta conseguida. Queda moito que loitar”. Esteban Rey, igualmente, incidiu nesas dificultade: “Haberá quen diga: pero se xa tedes os mesmos dereitos que calquer persoa! Lamento decir que ogallá fose así. A día de hoxe mais dun 70% das persoas LGTBIQ ocultan a sua orientación sexual para non sufrir un despido. A maioría das persoas trans que acceden a un traballo, fano na máis absoluta precaridade».

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí