Os traballos de mantemento nun viaduto do Corredor do Morrazo, ao paso por Cangas, farán necesario o corte de tráfico este luns e martes

O obxectivo é acometer tarefas de reposición dunha xunta de dilatación dun viaduto no último tramo da vía, entre Alto da Portela e Menduíña, en Cangas

Para realizar estas actuacións con seguridade é preciso o corte total do tráfico entre as 8 horas de mañá, luns, e as 18 horas do martes

Estas intervencións enmárcanse nos contratos da Xunta para garantir a conservación ordinaria e a vialidade invernal nas estradas autonómicas, destinando un orzamento global de preto de 106,5 M€ para un período de 4 anos

Os traballos de mantemento nun viaduto do Corredor do Morrazo, ao paso por Cangas, farán necesario o corte de tráfico desde mañá, luns, ata o martes.

ViaGalicia
Ardan

O obxectivo é acometer tarefas de mantemento e reposición dunha xunta de dilatación dun viaduto no último tramo do corredor, entre Alto da Portela e Menduíña, en Cangas.

Para acometer estas actuacións con seguridade é preciso o corte total do tráfico entre as 8 horas de mañá, luns, e as 18 horas do martes, aproximadamente.

Estas intervencións enmárcanse nos contratos que a Xunta mantén activos para garantir a conservación ordinaria e a vialidade invernal nas estradas autonómicas, destinando un orzamento global de preto de 106,5 millóns de euros para un período de 4 anos.

O programa de conservación ordinaria permite unha vixilancia e control das estradas autonómicas para detectar anomalías e corrixilas o antes posible.

Entre outras actuacións, estes contratos permiten levar a cabo a reposición da sinalización ou das barreiras de seguridade, a limpeza e mantemento dos elementos de drenaxe das estradas ou o repintado da estrada e dos elementos que as conforman.

Tamén forman parte deste programa os traballos de roza periódicos para o control da vexetación, así como as melloras de firme ou reparacións de pontes, obras de paso ou noiros de menor entidade.

Ademais, esta programación abrangue o programa de vialidade invernal, que todos os anos está activo desde novembro ata abril, dispoñendo os medios materiais e humanos para garantir as condicións de circulación ante os efectos da climatoloxía adversa.