Os pequenos de Gondomar recibirán unha videochamada persoal dos Reis Magos este Nadal

O inicio oficial da festas no municipio será o vindeiro 5 de decembro, e a ‘cabalgata estática’ terá lugar o 5 de xaneiro

O goberno de Gondomar deseñou un programa de actividades e accións co que busca axudar a que este Nadal «sexa igual de máxico e cheo de ilusión que en anteriores edicións», segundo destaca o rexedor Paco Ferreira.

Neste sentido, a posta en marcha oficial das festas terá lugar o próximo día 5 de decembro na Praza da Paradela. Precedido dun espectáculo de animación e maxia a cargo de Sarao Animación, limitarase o aforo de asistentes na rúa, pero a conta atrás e o aceso poderase seguir por streaming en todo o municipio.

Outro dos puntos destacados destas festas márcao a presenza dos Reis Magos de Oriente. Os pequenos e pequenas de Gondomar terán a oportunidade de falar con eles e facelo en primeira persoa a través dunha videochamada que recibirán nos seus teléfonos. Os interesados en participar deben acceder á plataforma www.nadal2020.es, onde os pais, titores ou familiares maiores de idade poderán inscribirse seguindo os pasos que se van indicando. Desta forma concretarán unha data e hora na que queiran que os seus pequenos/as reciban a chamada dos Reis Magos.

O alcalde, Paco Ferreira, xa confirmou que se celebrará a Cabalgata o día 5 de xaneiro, “adaptándoa ás novas circunstancias que estamos a vivir e por tanto será estática, situándose na carpa da Praza Paradela” para evitar grandes aglomeracións. O programa de nadal completarase con diversas actividades que se desenvolverán ao longo de todo o mes de decembro e que contemplan o monólogo do actor Sergio Pazos, teatro, espectáculos de danza, concerto de nadal do grupo de Cámara de Banda de Vincios, e diferentes accións de animación infantil.