Os orzamentos da Xunta para 2023 destinan máis de 900 m€ á Área Sanitaria de Vigo

A Área Sanitaria de Vigo disporá o próximo ano 2023 do orzamento máis alto da súa historia, acadando a cifra récord de 900.715.674 millóns de euros. Así, tal e como se recolle no proxecto de orzamentos, a Xunta de Galicia destinará un 7,3% máis que o pasado ano á atención sanitaria de Vigo e comarca, o que supón 62,5 millóns de euros máis.

Entre outros capítulos, cabe subliñar o Capítulo I, que se leva a maior parte do orzamento vigués, un 39% do total; isto é, 352,8 millóns de euros destinados ao pagamento das nóminas do persoal, máis de 6700 traballadores da área, tanto dos centros de sáude como dos hospitais.

 Ao Capitulo II, bens e servizos, dedícanse 337,4 millóns de euros, un 37% do total. Neste epígrafe contabilízanse os gastos de farmacia de dispensación hospitalaria, material e instrumental sanitario, implantes, laboratorios ou concertos con outros centros.

34  millóns de investimentos

Ademais, a Xunta de Galicia prevé realizar uns investimentos de 34 millóns de euros na sanidade pública viguesa. Destes, 17,8 millóns irán dirixidos ao Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, e 16,2 millóns á Atención Primaria.

O investimento no Hospital Álvaro Cunqueiro ascenderá a 5,6 millóns de euros para executar as obras de reforma das diversas Unidades: a Unidade de Enfermidades Raras (xa licitada); a de Necropsias (xa licitada); a de Hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil (será licitada antes de finalizar o ano); así como as novas Áreas de Rehabilitación Cardíaca e de Hospitalización a Domicilio (ambos proxectos xa adxudicados).

Os orzamentos tamén contemplan unha partida de 351.680 euros para a liquidación das obras de climatización do hospital do Meixoeiro, que concluirán antes de rematar o ano.

A estas infraestruturas hai que engadirlle os recursos consignados para completar os pagos dos contratos licitados ao longo do 2022, a través dos fondos europeos Next Generation, e que supoñen un investimento de 12,2 millóns de euros para adquirir equipos de alta tecnoloxía.  Así, vanse  renovar 5 TACS, xa adxudicados por un importe de 3,2 M €; 2 Resonancias Magnéticas, adxudicadas por 2,6 M€; 1 equipo PET-TC, adxudicado por 2,5 M€; 1 equipo de Radioloxía Vascular, adxudicado por 592.900€; 3 gammacámaras, licitadas por 2 M€;  e 2 salas hemodinámica, licitadas por 1,6 M€.

16  millóns para  Atención Primaria

No referido á Atención Primaria, dos 16,2 M€ que se investirán nas obras de novos centros de saúde vigueses, a partida máis destacable son os 6 millóns de euros para iniciar a obra do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia, xa licitada.

Ademais, dentro da partida do Plan de Atención Primaria FEDER 21-27 están reservados 5,9 millóns de euros para o inicio da obra do novo centro de saúde de Moaña, xa licitada.  Cabe subliñar tamén os 2,9 millóns destinados a rematar a obra de ampliación do centro de saúde de Porriño; 250.000 para o proxecto do novo centro de saúde de Mos (unha vez decidida a súa localización); 300.000 para a reforma do centro de saúde de Salvaterra, cuxo proxecto xa está adxudicado;  e 200.000 para  a reforma do centro  de Crecente , cuxo proxecto tamén esta adxudicado.

Asemade, os Orzamentos tamén recollen unha partida de 500.000 euros para licitar os proxectos de novos centros de saúde contemplados no Plan de Infraestruturas de Atención Primaria cando os Concellos correspondentes acheguen ao Sergas unha parcela axeitada, como poderían ser os centros de Cangas de Morrazo ou o de A Garda.

2,2 millóns para Convenios con entidades locais

No proxecto de Orzamentos para 2023 tamén se reserva máis de 2,2 millóns de euros para transferencias a entidades da atención sociosanitaria, a saúde mental e de atención ás adiccións da Área sanitaria de Vigo. Neste senso, hai consignadas partidas específicas para convenios nominativos coa Asociación da Loita contra a Droga Alborada; Asvidal; Asociación de Axuda ao Toxicómano Érguete; ou a Asociación Avelaíña. Segundo asegura o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente “estos orzamentos  poñen de manifesto o esforzo realizado polo goberno galego para dotar á sanidade pública viguesa duns recursos financeiros axeitados. A efectos prácticos traduciranse en melloras significativas para a atención aos pacientes, xa que posibilitarán a dotación de novos recursos e tecnoloxía para seguir realizando importantes avances organizativos e asistenciais”.