Os maiores de 65 anos poden viaxar de balde no transporte público autonómico empregando a Tarxeta de Mobilidade de Galicia, a TMG

A medida, que está en vigor desde o pasado 1 de xaneiro, permite a gratuidade para os maiores de 65 anos no transporte público autonómico, que abrangue as máis de 3.600 liñas de autobús interurbano, o transporte da ría de Vigo e o ferrocarril de vía estreita na área de Ferrol, ademais do autobús urbano no caso de Pontevedra e de Ferrol, no que estes servizos se prestan a través de concesións de transporte autonómicas.

Para acollerse a esta iniciativa, as persoas maiores de 65 anos deben dispoñer da Tarxeta de Mobilidade de Galicia, a TMG, que se pode adquirir nas oficinas de Abanca e aboar con ela as súas viaxes.

53.000 galegos maiores de 65 anos XA DISPOÑEN DA Tarxeta de Mobilidade de Galicia

A día de hoxe, arredor de 53.000 galegos maiores de 65 anos dispoñen xa deste dispositivo. Aqueles que aínda non conten con el poden solicitalo nalgunha das máis de 180 oficinas de Abanca que hai habilitadas en toda Galicia.

Este dispositivo funciona dun xeito similar ao da tarxeta Xente Nova, para os menores de 21 anos. Coa Tarxeta de Mobilidade de Galicia os maiores poden realizar ata 60 viaxes gratuítas ao mes no transporte público autonómico. O importe é devolto posteriormente, cargando a bonificación na tarxeta nun caixeiro automático de Abanca.

Neste sentido, o importe das viaxes realizadas na 1ª quincena do mes reintégrase a partir do día 5 do mes seguinte; e o dos desprazamentos efectuados na 2ª quincena do mes, pódese recuperar a partir do día 20 do mes seguinte.

Se por calquera razón a persoa que xa dispón da Tarxeta de Mobilidade de Galicia precisa substituíla ou solicitar unha nova, por exemplo por extravío, poden adquirila aboando dous euros en calquera oficina autorizada de Abanca, pedindo cita previa e acudindo co DNI. Toda a información en relación a esta medida de fomento do transporte público e a prol dunha mobilidade máis sostible e respectuosa co medio pode consultarse a través da páxina bus.gal (https://www.bus.gal/gl/tarifa-65) ou no teléfono 988 687 800.