Os investigadores da UVigo Jesús Simal e Xosé Ramón Nóvoa, Medallas de Investigación 2020 da Real Academia Galega de Ciencias

Os catedráticos da UVigo Jesús Simal e Xosé Ramón Nóvoa .

Os premios, que acadan a súa segunda edición, serán entregados o vindeiro xoves 8 de outubro 

Dúas das cinco Medallas de Investigación que a Real Academia Galega de Ciencias outorgará o vindeiro xoves 8 de outubro terán como destinatarios aos investigadores da UVigo Jesús Simal e Xosé Ramón Nóvoa.

Os galardóns cos que a RACG recoñece a traxectoria consolidada de cinco científicos galegos recaeron nesta segunda edición na sección de Química e Xeoloxía (Medalla Antonio Casares Rodríguez) no catedrático Jesús Simal Gándara, responsable do Grupo de Investigacións Agro-Alimentarias e Alimentarias, mentres que na sección de Ciencias Técnicas, a Medalla Isidro Parga Pondal é para o tamén catedrático da UVigo e coordinador do Grupo Encomat (Enxeñaría de Corrosión e Materiais) Xosé Ramón Nóvoa Rodríguez. Pola súa banda, os investigadores da USC Carlos Salgado, José Manuel Sabucedo e Luis Miguel Botana, recibirán as medallas das seccións de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación; Ciencias Económicas e Sociais e Bioloxía e Ciencias da Saúde, respectivamente.

O Colexio de Fonseca en Santiago de Compostela acollerá o vindeiro xoves o acto de entrega das Medallas de Investigación 2020, que estará presidido polo titular do executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, e polo presidente da RACG, Juan M. Lema Rodicio, e no, ademais de render homenaxe ao enxeñeiro Andrés Comerma, deseñador do Dique da Campá no Arsenal de Ferrol, entregaranse os Premios de Investigación Ernesto Viéitez.

Precisamente neste apartado o enxeñeiro do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da UVigo Jesús Balado recibirá a mención honorífica sénior que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) outorga en recoñecemento ao desenvolvemento dun método para minimizar o uso de mostras en nubes de puntos para o adestramento de redes neuronais capaces de clasificar dixitalmente obxectos urbanos como bancos, colectores de lixo ou semáforos, cun 99,5% de precisión.

Jesús Simal agradece á Real Academia Galega de Ciencias “o inmenso honor que me outorga” ao concederlle unha medalla “en lembranza do profesor e investigador Antonio Casares Rodríguez, catedrático de universidade, químico e farmacéutico, e un referente a seguir”.

Simal, que en 2018 foi incluído na lista dos 100 autores máis citados no mundo no campo da tecnoloxía dos alimentos, amosa a súa gratitude ás persoas que apoiaron a solicitude para a súa concesión e ao equipo de goberno e departamentos de Ciencias da Universidade de Vigo.

Pola súa banda, Xosé Ramón Nóvoa considera o galardón “un recoñecemento a un labor duns 30 anos nunha actividade que en Galicia non ten ningunha historia e que empezou precisamente coa miña tese alá no ano 1984 e que dende entón fomos formando toda unha serie de doutorandos; fixemos proxectos fin de grao, de master de carreira e, en fin, un grupo de profesionais que hoxe en día atenden unha necesidade que teñen as empresas que é a de prolongar a vía útil das súas estruturas”.