Os especialistas apostan polo diagnóstico precoz da disfaxia para incrementar as posibilidades de recuperación do paciente

Con motivo do Día Mundial da Disfaxia, ucistas, neurólogos, rehabilitadores, otorrinos, fisioterapeutas e logopedas insisten na importancia dun diagnóstico precoz para evitar as complicacións asociadas

Con motivo do Dia Mundial da Disfaxia que se conmemora hoxe, os especialistas en coidados intensivos, neuroloxía, rehabilitación e ORL, xunto con fisioterapeutas e logopedas da Área Sanitaria de Vigo veñen a sumarse a esta conmemoración para visibilizar un trastorno que afecta a unha porcentaxe elevada da poboación e que, moitas veces, está infradiagnosticado.

A disfaxia é a  dificultade para tragar a comida e as substancias líquidas de maneira natural e que, polo tanto, necesita da atención inmediata dun especialista.  Segundo explica a ucista e coordinadora  do Grupo Desnutrición Zero, Eva Menor “na Unidade de Coidados Intensivos, máis do 40% dos pacientes recén extubados e entre o 50-84% dos sometidos a unha traqueotomía padecen este problema. En total afecta a uns 300 pacientes anuais ingresados na UCI. Un cribado a tempo e unha detección temperá  minimiza significativamente os riscos de complicacións  asociadas e permite un maior porcentaxe de recuperación”.

Protocolo cribado na UCI

Así, un dos piares do Programa de Desnutrición Zero  é a continuidade dos coidados e a transición á dieta oral; isto é, que o paso da nutrición artificial á oral se realice de xeito seguro.  Para isto, o servizo de Medicina Intensiva puxo en marcha un protocolo de cribado de disfaxia  para detectar precozmente este trastorno nos pacientes ingresados na UCI.

Así, o persoal de enfermaría -que ten recibido unha formación específica neste campo-  realiza un test ao paciente no momento da comida  e, segundo a puntuación obtida, se lle valora  e se decide se necesita a intervención terapéutica do logopeda; ou ben modificar a súa dieta para adaptala a súa situación; ou simplemente volver a reevaluarlo en 24 horas.

“A gran maioría das disfaxias, cando son producidas pola debilidade adquirida do músculo e non por outra causa, se consigue recuperar con rehabilitación logoterápica”, asegura a doutora Menor       

Abordaxe integral

Ademais da afectación aos  pacientes en UCI, en xeral a disfaxia representa un problema de saúde con gran incidencia na calidade de vida de quen a padece e dos seus familiares ou coidadores, que afrontan con moita inseguridade e medo as horas das comidas.

Trátase dun trastorno da deglutición caracterizado por unha dificultade na preparación oral do bolo alimenticio ou no desprazamento do alimento desde a boca ata ao estómago. Pode ter unha orixe funcional (habitualmente neuróxeno) ou mecánica, e tamén pode ser secundaria a outros factores, como ás cánulas de traqueostomía ou algúns fármacos.

Ás veces,  os pacientes presentan dificultades moi severas que fan que parte do bolo alimenticio se vaia á vía aérea. Os pacientes con este problema teñen mais probabilidades de ingresar no hospital por pneumonías, desnutrición, e incluso se rexistra un maior índice de mortalidade por estos motivos.

Ten maior incidencia nas idades máis avanzadas, en enfermos xeriátricos e institucionalizados, e naquelas persoas que sufriron un ictus.

A estes pacientes engádense os enfermos con patoloxías neurodexenerativas (Párkinson, demencias, ELA, Esclerose Múltiple, miastenia,…); os que pasaron por cirurxías otorrinolaringolóxicas ou neurolóxicas; ou poboación infantil con trastornos neurolóxicos.

Unha correcta abordaxe  reduce o tempo de hospitalización dos enfermos, así como os reingresos hospitalarios por complicacións respiratorias.

Neste senso, os e as logopedas da Área Sanitaria de Vigo teñen elaborado diferentes materiais para impartir obradoiros ás persoas coidadoras destes pacientes así como diferentes cursos de formación específica para o persoal  sanitario  implicado nos seus  coidados.