As persoas dadas de alta na Biblioteca teñen acceso aos fondos dixitais a través da plataforma GaliciaLe
Ante o peche da Biblioteca Municipal de Tui, como medida de actuación ante a situación actual de contención da propagación dos contaxios por coronavirus, o goberno municipal decidiu prorrogar os empréstito bibliotecarios. Todos os que tiñan a data de vencemento a partir do 13 de marzo quedan prorrogados ata o 30 deste mes. No caso de que a situación se alongue, procederase a adiar novamente a data de devolución. Durante este período o persoal de biblioteca atenderá as consultas dos usuarios a través do correo electrónico: biblioteca@tui.gal
Por outra banda, as persoas dadas de alta na Biblioteca Municipal de Tui, e por tanto na Rede de Bibliotecas de Galicia, teñen acceso aos fondos dixitais a través da plataforma GaliciaLe. En caso de non ter credenciais dende esa mesma páxina se indica o proceso a realizar. Se o interesado non é socio da Biblioteca Municipal tudense poderá autorrexistrarse co formulario do OPAC de Koha.
Daráselle un prazo dun mes desde a fin da corentena para que se achegue á biblioteca para obter o carné. Estes lectores terán a categoría «Autorrexistro» e poderán acceder a GaliciaLe. Unha vez rematada a corentena, se o usuario se dirixe á biblioteca para que se lle faga o carné, asignaráselle a categoría que lle corresponda. Se non fai o carné nese prazo, o rexistro eliminarase automaticamente de Koha e o lector deixará de ter acceso a GaliciaLe.