Os comerciantes vigueses solicitan ao Concello un plan completo de medidas para o comercio local

A Federación de Comercio de Pontevedra, organización que promove a Federación Galega de Comercio e a Confederación de Empresarios de Pontevedra, xunto con 8 asociacións de comerciantes de Vigo, remitiron un escrito ó Concello de Vigo, solicitando que se promova e potencie a plena actividade no comercio en Vigo, tras a crise provocada pola COVID-19.

Os asinantes do escrito demandan que se tomen unha serie de medidas que impidan que o comercio local desapareza, e con iso, a maior parte do entramado social e económico da cidade. Neste senso, solicitan a realización dun completo programa de actuacións, tendo sempre en conta as directrices das autoridades sanitarias e de protección da seguridade e da saúde dos cidadáns.

Segundo o anterior, os comerciantes propoñen ao Concello de Vigo unha serie de medidas iniciais:

Axudas económicas para facer fronte ós gastos derivados de:

  • Alugueiro e compra dos establecementos comerciais durante o peche pola cuarentena [COVID-19] e nos meses inmediatamente posteriores.
  • Axudas para facer fronte ós gastos derivados dos préstamos solicitados, ICO, IGAPE, BANCA, gastos fixos, etc
  • Suspensión de taxas e impostos municipais e que están íntimamente ligadas á actividade comercial.
  • Programa de axudas para mercadorías estacionais adquiridas polo comercio.
  • Subvención para a reforma e actualización de establecementos comerciais: reformas [fachadas e interior], equipamentos comerciais, mobles, ordenadores [software/hardware], TPV´s, seguridade, telefonía, redes, etc.
  • Publicación inmediata dunha liña de axudas directas que outorgen liquidez inmediata ás empresas nesta situación, a fin de que poidan manter a súa actividade pasada a crise, e tamén se poida manter e protexer o emprego.

Estas liñas de axudas directas, similares ás adoptadas por outros Concellos de Galicia, proporcionarían liquidez directa e inmediata ós autónomos e empresas do sector do comercio de Vigo que están na obriga de permanecer pechadas dende a declaración do estado de alarma, ou teñen unas perdas superiores ó 75%, en relación ó semestre natural anterior á declaración do dito estado de alarma.

Asimesmo complementarían as medidas adoptadas polo Goberno Central en canto ós ERTES ou á Prestación Extraordinaria por Cese de Actividade de Autónomos pola COVID- 19, e suporían unha gran axuda e apoio para estas empresas, ofrecéndoselles o soporte que precisan nesta crise.

Accións que favorezan a confianza da clientela de Vigo e da súa contorna:

  • Limpeza e desinfección dos locais comerciais así como equipos de protección suficientes para o período que sexa preciso empregalos.
  • Campañas de dinamización do comercio local, como sorteos diarios, campañas de fidelización,etc.
  • Promoción das atraccións da cidade, ligándoas cos negocios polo miúdo.
  • Animación das rúas da cidade.
  • Publicidade do comercio local nos distintos medios de comunicación.

Formación en Modernización e Dinamización do comercio:

  • Formación, a través da nova Federación de Comercio de Pontevedra, para o manexo da tenda en liña creada específicamente para Vigo, que conta coa experiencia da Federación Galega de Comercio.
  • Apoio na solicitude de aprazamento do período de rebaixas fronte ó goberno central.

As asociacións de comerciantes asinantes do escrito dirixido ó Concello son: Asociación de comerciantes e empresarios AETRAVI, Asociación de comerciantes e hostaleiros Zona Naútico, Asociación de comerciantes do Calvario, Asociación de comerciantes Entorno do Xeral, Asociación de comerciantes de Teis, Asociación de Comerciantes e Empresarios Zona Torrecedeira, Pi y Margall e Camelias (ACEMTO), a Asociación de Comerciantes PAU de Navia  e a . Asociación de Comerciantes do Pereiró (ACOPE).