Os buses de Vitrasa sofren novos actos vandálicos

Con estes xa son máis de 20 os ataques sufridos a autobuses da compañía desde que dera comezo a folga indefinida

Novos actos vandálicos contras os buses de Vitrasa. Na madrugada de hoxe, apuntan desde a concesionaria, dous autobuses da compañía sufriron diversos ataques. En concreto, ás 4.55 horas, un autobús que se estaba incorporando á liña PSA na Avenida de Castrelos á altura do parque foi golpeado por un obxecto. O impacto foi tal que rompeu dúas fiestras, unha de cada lado. Non levaba viaxeiros a bordo.

Outro autobús da liña 11, sufriu un impacto ás 6.40 horas cando se estaba incorporando tamén ao servizo. Ao seu paso por Estrada de Camposancos recibiu o impacto dun obxecto nunha das fiestras laterais. Non levaba viaxeiros a bordo.

Con este xa son máis de 20 os ataques sufridos a autobuses da compañía desde que dera comezo a folga indefinida. Dende a dirección de Vitrasa denuncian «unha vez máis este tipo de actos vandálicos que poñen en risco a integridade dos traballadores da compañía».