Os alcaldes do Baixo Miño reclaman que se abran as fronteiras con todos os medios de control e seguridade

Reunión da mancomunidade de alcaldes.

Avogan por unha apertura para traballadores transfronteirizos que axude a paliar a situación que están a vivir nestes momentos, con grandes colas e longos percorridos para poder acudir cada día ao seu posto

Os alcaldes do Rosal, Tomiño, Tui e A Guarda mantiveron unha nova reunión virtual esta semana no marco da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño para analizar o efecto que ten nestes catro municipios o peche das fronteiras entre España e Portugal, concellos cun alto número de traballadores que cada día deben cruzar o Miño para acudir ao seu posto no país veciño. Por este motivo, os rexedores da Mancomunidade reclaman a apertura de novos pasos fronteirizos para os empregados como medida de alivio, permanecendo pechadas á libre circulación de persoas.

Avogan por esta medida como unha mellora das condicións de todos aqueles traballadoras que sofren por partida dobre a pandemia ao vivir e traballar nun dos territorios transfronteirizos máis interrelacionados e economicamente máis dinámicos de toda Europa, xa que asume o 49% de todos os tránsitos de vehículos e persoas entre España e Portugal.

A situación actual que están a vivir moitos veciños é complicada, con longas colas para poder cruzar a fronteira cada día e con percorridos de máis de 60 quilómetros entre ida e volta para poder chegar as empresas ou polígonos que antes do estado de alarma e emerxencia en España e Portugal estaban a escasa distancia dos seus domicilios. Incremento de molestias, tempo de desprazamento e tamén custes que “en moitos casos son inasumibles cuns salarios que en moitos casos son baixos”.

Os alcaldes da Mancomunidade están convencidos da necesidade de abrir novos pasos fronteirizos a traballadores, aínda que sempre baixo os máis estritos medios de control e seguridade, mantendo o operativo que xa se está a desenvolver no paso de Tui-Valença dende o inicio da crise sanitaria, “garantindo así a seguridade da poboación e evitando un paso atrás que nos leve de novo a medidas de confinamento”.