O acto de entrega será ás 19.00 h na Sede de Afundación en Vigo e se retransmitirá en directo a través de Afundación TV
O premio, convocado por Afundación, conta co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración do Centro PEN de Galicia
Oriana Méndez, galardoada co XVIII Premio de Poesía Afundación, recibirá o seu recoñecemento nun acto que terá lugar este mércores 25 de novembro, ás 19.00 h, na Sede Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 24-26 ). Na entrega acompañarana o director xerente de Afundación, Pedro Otero; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o presidente do Centro PEN de Galicia, Luís González Tosar. O acto será retransmitido en directo en Afundación TV, facilitando así a posibilidade de seguilo desde calquera lugar do mundo con acceso a internet, nunhas circunstancias nas que, debido ás restricións marcadas para conter a pandemia da COVID-19, non se dará acceso ao público na entrega presencial. O acceso á retransmisión será na seguinte ligazón: Entrega Premio de Poesía Afundación.
O premio, convocado por Afundación, a Obra Social de ABANCA, co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración do Centro PEN de Galicia, foille outorgado á escritora pola súa obra INTERNA. En palabras do xurado, formado polas escritoras Marica Campo e Eulalia Agrelo Costas; o xornalista César Lorenzo Gil e o seu secretario e presidente, Xabier Castro Martínez e Luís González Tosar, a obra gañadora «caracterízase por unha voz feminina que mantén un ritmo sostido a través de versos depurados e conmovedores cheos de autenticidade e reveladores dos espazos máis privados do eu.»
Despois da entrega, Oriana Méndez recitará unha escolma dos poemas recollidos en INTERNA. Así mesmo o artista plástico vigués Ramón Trigo, escollido pola autora para ilustrar a capa do libro premiado, presentará unha videocreación inspirada nunha escolma poética seleccionada pola propia artista.
| Evento | Acto de entrega do XVIII Premio de Poesía Afundación |
| Lugar | Sede Afundación Vigo (Policarpo Sanz 24-26) e Afundación TV |
| Data e hora | Mércores, 25 de novembro, ás 19.00 h |
| Asistentes | Pedro Otero, director xerente de Afundación Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura Luis González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia |

