O recoñecido e premiado cineasta galego compartirá espazo co público de Afundación TV hoxe venres 14 de maio ás 18.00 h
Este primeiro encontro enmárcase nas actividades desenvolvidas en torno á mostra «A vida lenta», coordinada por Aser Álvarez e que se pode visitar na Sede Afundación Vigo
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta hoxe venres 14 de maio o primeiro faladoiro en torno á mostra «A vida lenta», coordinada por Aser Álvarez e que se pode visitar na Sede Afundación Vigo.
O encontro terá lugar ás 18.00 h na propia sala de exposicións, con aforo reducido xa cuberto, e poderá seguirse en directo en Afundación TV, con acceso é libre e gratuíto previa inscrición aquí.
O recoñecido director de cinema fixo historia en 2019 ao converterse, canda Víctor Erice, no primeiro cineasta español seleccionado en Cannes coas súas tres primeiras obras, e no único en ser premiado en todas as súas participacións.
O que arde recibe o Premio do Xurado da sección oficial Un Certain Regard de Cannes, o Premio á Mellor Creación Sonora da sección e compite nos festivais internacionais máis importantes da tempada, como San Sebastián, Toronto, Tokio, Londres, Melbourne, Mar del Plata ou Nova York, gañando numerosos premios.
O que arde é tamén candidata aos Premios Goya en catro categorías: Mellor Película, Mellor Director, Mellor Actriz Revelación e Mellor Fotografía, acadando estes dous últimos. Actualmente, Laxe está a traballar nun centro de desenvolvemento rural na aldea luguesa onde filmou O que arde, de onde é orixinaria a súa familia. O compromiso que manifesta co rural está a ser un auténtico empurrón para moitos proxectos dos Ancares, aos que deu visibilidade e apoio.
Evento | Coloquio con Oliver Laxe |
Lugar | Sala de exposicións. Sede Afundación Vigo (Policarpo Sanz, 26). En directo a través de Afundación TV |
Data e hora | Venres, 14 de maio, ás 18.00 h |
Asistentes | Oliver Laxe, director de cinema Aser Álvarez, comisario da mostra «A vida lenta» |