OLIVEIRA & FARO SAEPLAST CAÑIZA NA FINAL DA COPA GALICIA DE BALONMÁN

O conxunto que milita na División de Honra Prata Feminina xogará a final autonómica este sábado ás 20:00h en Cangas fronte a AD Carballal de Vigo

O conxunto sénior feminino do Bm Cañiza non deixa de dar alegrías a súa afección e, por segundo ano consecutivo, disputarán a finalísima da Copa Galicia organizada pola Federación Galega de Balonmán. Ás 20:00h do sábado no emblemático Pavillón do Gatañal de Cangas buscarán proclamarse campioas de Galicia fronte a un duro rival como a AD Carballal de Vigo.

O Oliveira&Faro Saeplast Cañiza chega ao inicio dunha nova tempada con moitas caras novas no seu plantel. A dirección do equipo cambia, sendo agora o guardés Fabio Lima o encargado do banquillo cañicense. Fabio chega a A Cañiza tras a renovación do acordo de colaboración entre o club da Paradanta e o Mecalia Atl. Guardés, referente do balonmán feminino galego. Xunto ao adestrador un total de sete novas incorporacións para reforzar o equipo nas posicións de porteria, primeira liña e extremos.

As cañicenses chegan a esta final tras superar dúas complicadas rondas fronte a rivais da mesma categoría, a División de Honra Prata Feminina, a SAR Bm. e o Asmubal Meaño. Chega agora o gran momento, a gran final. Unha final na que xa estivo presente o pasado ano e na cal sucumbiron ante o Bm Porriño. O sábado ás 20:00h nova oportunidade para o Bm. Cañiza de conquistar a Copa Galicia nun partido que será retransmitido pola TVG.