A Deputación impulsa novos investimentos e reforza a capacidade financeira dos municipios menores de 50.000 habitantes
O Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra volve inxectar fondos nos concellos da provincia para apoiar obras estratéxicas e necesidades básicas. Esta semana, o programa mobiliza 1,7 millóns de euros en beneficio de Barro, Cangas, Gondomar, Lalín, Cuntis, Marín, Mos e O Rosal.
Segundo o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, trátase dun “plan histórico, o máis ambicioso da historia da Deputación”, que xa leva distribuídos preto de 30 millóns de euros no que vai de 2025. Os fondos distribúense a través das liñas 1 e 2 do plan, centradas en investimentos e gasto corrente.
Proxectos con impacto directo na cidadanía
Cangas destaca con dous proxectos de envergadura: 240.000 € para mellorar a rúa Fonte do Galo e 244.529 € para transformar a mobilidade nas Gruncheiras. Marín, pola súa banda, recibe 362.581 € para reformar o Polideportivo do Sequelo, cun orzamento total de 725.163 €.
En Barro, o investimento destinarase ao saneamento en Parada, na parroquia da Portela (115.727 €), mentres que Gondomar mellorará a pavimentación e sinalización en Antime (176.504 €). Lalín acometerá actuacións en varios camiños rurais cun investimento de 178.594 €.
En Mos, os 151.781 € contribuirán ao convenio para mellorar a seguridade viaria na estrada EP-2601 Mos-Puxeiros, cun orzamento total de 1,52 millóns de euros. Cuntis dotarase dunha nova rede de saneamento en Couselo (114.799 €) e O Rosal recibirá 83.494 € para afrontar gastos de enerxía eléctrica.

