O xornalista Alberto Mancebo presenta en Vigo a sua primeira novela “O que me quedaba por dicirche»

O mércores 29 de novembro o xornalista Alberto Mancebo presentará en Vigo a sua primeira novela “O que me quedaba por dicirche». Será ás 20h, na Cartabón (Rúa Urzaiz, 125) acompañado pola escritora Lara Dopazo.

Na súa primeira novela, un dos libros en galego mais vendidos este verán (e a punto de sacar a segunda edición), Alberto Mancebo narra un episodio da vida de Xoán, unha persoa bastante peculiar, pero coa que é fácil sentirse identificado en moitos aspectos. Na novela, de 130 páxinas, o protagonista desvela certas dificultades para xestionar os seus sentimentos e o seu pasado que, sumado unha noticia inesperada que recibe a súa familia, levarao a unha viaxe fóra de Galicia e tamén fóra do seu benestar emocional.

Cunha narración áxil e sutil, o autor dirixe ao lector a través de problemáticas familiares, as consuecuencias das agresións machistas, o amor en todas as súas formas e as doenzas propias da degradación da saúde mental. Unha travesía adornada de toques de realismo máxico e o absurdo que acende unha luz de esperanza no medio dunha historia íntima e familiar.

ALBERTO MANCEBO SOTO (Vimianzo,1983)

Con quince anos comezou a colaborar na Cadena Ser da súa vila. Licenciado en Xornalismo, completou a súa formación profesional en Liverpool, a súa segunda casa e á que sempre volve. Dende o ano 2004 traballa para a Televisión de Galicia, onde se encargou de diferentes coberturas xornalísticas por toda Europa e no Canadá, Brasil ou Panamá. Durante cinco anos foi correspondente en Portugal. Actualmente presenta o Telexornal Fin de Semana. Non deixa de estudar idiomas, a súa outra gran paixón xunto coas viaxes.