O xerente do Sergas visita o servizo de radioterapia no Meixoeiro

Prevese que este equipo de última xeración estea totalmente operativo no primeiro trimestre de 2022, sumándose así aos outros tres aceleradores destas características

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, puido coñecer de primeira man o avance das obras de mellora do Servizo de Radioterapia que a empresa pública de servizos sanitarios Galaria está acometendo no hospital de Meixoeiro e que forma parte do proceso de renovación tecnolóxica integral do Sergas na área sanitaria de Vigo. Fíxoo durante a súa vista desta semana ás instalacións acompañado polo xerente da Área sanitaria de Vigo, Javier Puente, e pola  xerente de Galaria, Rocío Mosquera.

Este novo equipamento, un acelerador lineal para o tratamento de radioterapia, sumarase aos outros tres que xa están en funcionamento. As obras, que comprenden as fases de acondicionamento de espazos, retirada do equipo actual, instalación do novo e comprobación técnica do seu correcto funcionamento, suporán un salto cualitativo no servizo asistencial para pacientes oncolóxicos do Sergas, para garantir unha atención de máxima calidade, tanto en tempos como en prestacións médicas. A fabricación, a demanda, do acelerador, ten unha duración estimada de seis meses polo que o prazo que manexa Galaria para a súa plena entrada en funcionamento, non vai máis alá do primeiro trimestre de 2022.

Renovación tecnolóxica para unha óptima calidade asistencial

O novo acelerador médico lineal (LINAC, polas súas siglas en inglés) do hospital de Meixoeiro recibe o nome de Vital beam e é, xunto co Truebeam, xa instalado no ano 2016 un dos equipos de máis avanzada xeración que existen no mercado. Completan a dotación do servizo de Radioterapia os aceleradores lineais Clinac (fabricado coma os dous anteriores pola empresa Varian Healthineers) e o Sinergy, neste caso da compañia Elekta Medical Systems; ademais do sistema de radiocirurxía ExacTrac de Brainlab, acoplado ao acelerador Truebeam.

O acelerador personaliza os raios X de alta enerxía, ou electróns, para que se axusten á forma dun tumor e destrúan as células cancerosas sen afectar ó tecido normal circundante. Conta con varios sistemas de seguridade incorporados para garantir que emitirá a dose axeitada; e un especialista revísao periodicamente para asegurarse de que funcione correctamente. Trátase dun aparato de elevada precisión, clave en terapias oncolóxicas avanzadas e personalizadas.

Deste xeito, a área sanitaria de Vigo completa a súa renovación tecnolóxica co conxunto de equipamento máis completo do mercado, que lle permite ofrecer desde os tratamentos máis complexos coma radiocirurxía radioterápica de alta precisión (para tratamento de tumores cerebrais) en adultos e  nenos, ata tumores de máis frecuente tratamento en radioterapia como os de mama e próstata.