O túnel de Lepanto listo para a súa apertura o vindeiro luns 12 de decembro

Abel Caballero explicou ante os medios de comunicación algunhas das características do túnel de Lepanto que precisou da execución de 356 pilotes, cunha lonxitude total de 2,5 quilómetros, e para o que se empregaron máis de 280.000 quilos de aceiro para conformar o armado do formigón.

ViaGalicia
Ardan

O túnel inclúese no conxunto de obras dos accesos á estación de Urzáiz licitadas polo Concello, que ademais do túnel inclúen a eliminación do paso elevado de Alfonso XIII e as conexións desde a AP9 cun orzamento superior aos 11 millóns de euros. Deste presuposto, ADIF achegou 8,8 millóns, o Concello 2,5 e a Xunta medio millón de euros.

O alcalde agradeceu o traballo e a achega do ADIF a esta obra que “é parte dun dos fitos históricos da cidade de Vigo”. Xunto ao túnel, o Concello está executando na contorna, os instersticiais, os espazos entre a estación de autobuses e Vialia cun presuposto de 1,2 millóns de euros; rematou xa a remodelación da Praza da Estación coa recuperación da antiga fachada e un miradoiro, cun investimento de 2 millóns de euros e asumirá o mantemento da nova praza de Vía Norte.

O vindeiro luns, 12 de decembro, pola mañá quedará aberto ao tráfico o Túnel de Lepanto, que deberá pecharse durante un mes, desde mediados de febreiro ata mediados de marzo, coincidindo coa elevación do ascensor Halo, polo que as entradas e saídas de vehículos pola autoestrada deberán realizarse por Isaac Peral. A partir de mediados de marzo, o túnel quedará aberto xa de forma definitiva.