O túnel de Lepanto, en funcionamento desde o mes de abril

O alcalde visitou este martes as obras que se están executando na contorna da Praza da Estación que inclúen dous túneles coa AP9 e o acceso en superficie á estación de autobuses e á autoestrada desde o aparcamento de Vialia

“No mes de xullo estará todo acabado”, sinalou o alcalde

Abel Caballero cualificou o proxecto de “colosal” xa que vai permitir unha operatividade do tráfico de entrada e saída a Vigo, de entrada e saída a Vialia, de saída de Vigo e de funcionamento dos autobuses “extraordinario porque se vai facer á marxe do tráfico na cidade, imos darlle un grande desafogo a toda a cidade”.

En rolda de prensa o rexedor detallou as infraestruturas da zona que quedarán conformadas por dous túneles -un de saída da cidade para a AP9 desde Lepanto e un de entrada en Vigo para acceder a Vialia-, un acceso en superficie á estación de autobuses e unha saída en superficie desde Vialia á autoestrada que empregarán tódolos vehículos, tamén os autobuses. Amais, Vialia contará coa saída normal para a cidade, que xa se está usando a través de Vía Norte desde o aparcamento.

O alcalde avanzou que no mes de xullo estará “todo acabado pero desde abril estará xa operativo o túnel de Lepanto”, que sofre atrasos por mor da crise mundial de subministros.

Sobre o túnel de Lepanto á autoestrada, que vai por debaixo da estación de autobuses, e será o túnel de saída de Vigo, Abel Caballero explicou que está executado ao 95%. Finalizaron os traballos correspondentes ao movemento de terras, as estruturas, a drenaxe e a maior parte das instalacións (tubaxes contra incendios, ventiladores, panel vitrificado, etc.). A construción deste túnel supuxo a execución de 356 pilotes, cunha lonxitude total de 2,3 quilómetros, empregándose máis de 280 toneladas de aceiro para o armado do formigón.

Nestes momentos a obra está na última fase de execución do resto das instalacións (postes SOS, iluminación) e vai concluír nos próximos 15 días. Como parte final das obras, procederase ao estendido das capas de firme e posterior pintado da calzada.

Tal e como apuntou o alcalde, a previsión para a finalización e posta en servizo deste tramo é a finais do mes de abril dado que faltan as pantallas de seguridade e os sistemas complementarios ás mesmas por un problema de abastecemento. De non haber este atraso, “estariamos en disposición de abrilo en marzo. Con todo, cremos que a finais de abril terémolo aberto”.

O segundo túnel que se está executando, que conecta a AP9 con Vialia, desde a entrada á autoestrada, á esquerda de Alfonso XII, e que leva aos aparcamentos de Vialia e ao centro de operacións, xa se realizou a escavación e a estrutura de 225 metros de longo. Na traza dese viario atopouse terra contaminada de metais, que houbo que tratar, o que supuxo unha demora xa que esixiu a modificación do proxecto coa retirada dos residuos e outras accións non previstas inicialmente. A construción deste túnel supuxo a execución de 454 pilotes, cunha lonxitude total de 5 quilómetros, empregándose máis de 700 toneladas de aceiro para o armado do formigón.

Nestes momentos, o Concello está acometendo ademais dos túneles o resto das obras exteriores. Durante os próximos meses finalizaranse os traballos de conexión desde a saída do túnel co aparcamento e co peirao de carga de Vialia e a conexión coa autoestrada. Tamén se executará unha nova pasarela metálica sobre a autoestrada, que substitúa á actualmente existente en Canadelo Baixo, que non cumpre criterios de accesibilidade. Para o axeitado funcionamento dos túneles foi necesario executar un cuarto técnico baixo a praza da estación onde se sitúan o grupo electróxeno, o alxibe e a bomba contra incendios, equipos de control das instalacións, etc.

Amais, o goberno de Vigo está executando obras nas zonas verdes, nos espazos “intersticiais”, situados entre a estación de autobuses e Vialia, que teñen un importe 1,2 millóns, porque non “queremos que queden zonas abandonadas senón de utilización para a cidade”. En execución está tamén o ascensor entre a Praza da Estación e Urzáiz, que quedará rematado ao redor do mes de xullo, e continúa a execución do ascensor HALO, que conectará García Barbón coa praza do Centro Vialia.

En canto á terceira conexión que está executando o Concello, a entrada á estación de autobuses e a saída á AP9 desde a estación e o aparcamento de Vialia, o alcalde explicou que será en superficie, polo que os autobuses non empregarán os túneles así que non é necesario que estean rematadas estas obras para que a estación de autobuses entre en funcionamento.