O TSXG reactiva a petición de implantar as gardas de 24 horas na Coruña e Vigo

O servizo, que conta coa aprobación do CXPX, depende de que o Goberno estatal e a Xunta o doten de orzamento

A Sala de Goberno xa informara en 2019 de forma favorable á posta en marcha deste sistema de quendas

A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) reactivou a petición de implementar as gardas de 24 horas na Coruña e Vigo. Desta forma, acordou solicitar ao Goberno estatal e á Xunta que habiliten as partidas orzamentarias necesarias para poñer en marcha o servizo nos dous partidos xudiciais. O alto tribunal galego instou, polo tanto, a que se execute o acordo da Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) adoptado o pasado 8 de abril e que foi favorable á implantación do sistema de prestación do servizo de gardas de 24 horas na Coruña e Vigo.

Nese acordo, o CXPX xa condicionaba o cambio a que a Xunta e o Goberno central asumisen o custo económico da medida. O Ministerio de Xustiza mostrouse entón conforme coas novas quendas e disposto a asumir o seu custo, pero advertiu que a autorización, a efectos económicos, quedaría supeditada á dispoñibilidade orzamentaria, unha vez que se procedera á aprobación da Lei de Orzamentos Xerais do Estado.

O Goberno galego, pola súa banda, considerou “imposible” nese momento dispoñer dos recursos económicos necesarios para poñer en marcha o sistema, aínda que se mostrou disposto a considerar a súa implementación no futuro. Por iso, a Sala de Goberno do TSXG acordou este mes solicitar a ambas as administracións que habiliten partidas orzamentarias para implementar as novas quendas, que mellorarían o servizo que se ofrece á cidadanía.

A Sala de Goberno do TSXG xa cursou en 2019 a solicitude do cambio do sistema de gardas ao CXPX tras dar o visto e prace á proposta dos xuíces de instrución da Coruña e Vigo, os cales avogan por modificar as gardas semanais actuais por gardas de 24 horas con quenda rotatoria diaria.