O TSXG considera que o Concello de Vigo era o responsable do mantemento da zona na que se produciu o accidente do Marisquiño

Estado en el que quedó el paseo tras el hundimiento.

Decreta que existen causas para resolver o convenio Abrir Vigo ao Mar, asinado en 1992 por Concello, Zona Franca e Porto, debido a que a Administración local incumpriu as súas obrigas

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu dúas sentenzas nas que considera que existen causas para anular o convenio Abrir Vigo ao Mar, subscrito en 1992 entre o Concello, o Consorcio da Zona Franca e a Xunta de Obras do Porto de Vigo (hoxe en día Autoridade Portuaria), debido a que entende que o Concello incumpriu a súa obriga de manter e conservar parte da área afectada por ese documento, da que forma parte o paseo de madeira das Avenidas, onde en 2018 se produciu o accidente do Marisquiño. Por iso, a Sala indica que se debe proceder á liquidación do convenio.

“Necesariamente, o mantemento se debe conectar coa seguridade e co uso, e o Concello non o cumpriu, á vista dos documentos achegados, xa que diferentes cargas sobre os elementos cedidos poden ter consecuencias distintas”, indica a Sala na resolución, na que salienta que, por iso, o Concello, “antes de autorizar un uso diferente ao simple paseo, que era o que tiña na concesión”, debeu “valorar a seguridade da instalación”. O convenio, segundo o alto tribunal, “non ofrece dúbidas interpretativas en canto á obriga de mantemento e de bo estado de conservación” por parte do Concello daquelas zonas de uso público, quedando eximido daquelas que poidan ser de uso exclusivo da Autoridade Portuaria.

Os maxistrados sinalan na sentenza, contra a que cabe presentar recurso, que esa obriga “non deixa de ser consecuente co convenio, xa que a entidade local recibiu un beneficio que anteriormente non tiña, un beneficio interesado para a cidadanía de Vigo e, polo tanto, é o Concello o que debe manter en bo estado de conservación o cedido”. De non ser así, segundo subliñan, a Autoridade Portuaria tería que fiscalizar “os usos que programase o Concello, isto é, debería asumir funcións de control de usos”, algo que non realizaba desde que se executou a cesión.

“Os usos eran xestionados polo Concello desde unha posición de control das instalacións cedidas, polo que necesariamente debería de controlar todas as medidas que afectasen ás instalacións, non podendo pretender que tivese liberdade de uso, pero sen responsabilidade en canto ao mesmo”, recalca a Sala, á vez que sinala que, revisadas as reportaxes fotográficas, é “evidente o mal estado en que se atopaban os elementos superficiais do paseo, os cales se advertiron de forma reiterada pola Autoridade portuaria, advertindo do risco existente para as persoas, sen que o mantemento alcanzase a estes elementos”.

O TSXG sinala que, aínda que comparte que “un labor de mantemento e conservación non alcanzaría a cimentación dos peiraos ou aos recheos portuarios”, destaca que é “diferente a situación que concorre nunha plataforma de formigón construída por unha entidade privada (Real Club Náutico), cun uso privado, e que foi liberada mediante un acordo entre a entidade privada e o Consorcio da Zona Franca para poder integrarse como parte do devandito proxecto e da actuación”.  

Eses elementos, segundo a Sala, “non eran infraestrutura portuaria, senón obras realizadas por unha entidade privada e entregadas previa liberación de parte da concesión para dar lugar ao convenio e posibilitar a apertura de Vigo ao mar”. Esa plataforma, segundo o fallo, “sería válida para o uso ao que se destinaba, pero non para un uso máis intensivo, como posteriormente se demostrou co incidente que resulta como transfundo ao presente litixio”. 

O TSXG incide en que, de acordo co convenio Abrir Vigo ao Mar, o Concello adquiriu a obriga, durante un prazo de 50 anos, de manter en perfecto estado de conservación toda a actuación contemplada no convenio, no que se acordaron executar actuacións de reordenación do tráfico rodado, ampliación de zonas axardinadas e de lecer, así como a peonalización para mellorar o borde marítimo da área central de Vigo, entre outras.

“A obrigación de mantemento polo Concello de Vigo prevista no convenio do 2 de novembro de 1992 non se limita a labores de mantemento dos xardíns e zonas de esparexemento, senón tamén aos elementos que as sustentan”, destacan os xuíces, os cales indican que “no normal funcionamento dun paseo marítimo, formado por unha plataforma de formigón acabada nun pavimento de madeira, se deben de manter todos os elementos que o forman, principalmente os estruturais”.

Ambas as sentenzas, contra as que cabe presentar recursos de casación, inclúen un voto particular dun dos maxistrados da Sala.