O TSXG autoriza as limitacións da Xunta por ser necesarias para protexer a saúde da cidadanía

Entrarán en vigor desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación no DOG e prolongaranse ata o 12 de xuño

Os xuíces destacan que as normas están “apoiadas por informes técnicos epidemiolóxicos”

Aseguran que, aínda que as conclusións dos informes técnicos son “esperanzadoras”, a situación segue sendo “preocupante”

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou xudicialmente as medidas preventivas para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 propostas pola Xunta o pasado 26 de maio. A resolución do alto tribunal galego, notificada hoxe, permite a publicación das novas medidas no DOG, polo que entrarán en vigor ás 00.00 horas do día seguinte ao da súa difusión, e prolongaranse ata as 00.00 horas do 12 de xuño.

A Sala explica que, neste caso, a diferenza das solicitudes anteriores cursadas pola Administración autonómica ao TSXG, “emprégase a fórmula de autorización e non de ratificación de medidas de carácter sanitario”. O motivo do cambio, segundo o auto, é a sentenza do Tribunal Supremo emitida o pasado 24 de maio, na que determina que as medidas “só serán eficaces coa validación xudicial, polo que non entran en vigor ata esa validación e a súa posterior publicación”. Nas ocasións anteriores, a Xunta publicábaas e, despois, solicitaba a ratificación do TSXG, o que implicaba que, a pesar de estar publicadas, non entrasen en vigor ata a súa ratificación xudicial.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo avala a prohibición de reunións entre non conviventes entre a unha e as seis da madrugada en toda a comunidade autónoma, así como as limitacións dos encontros a un máximo de seis persoas en espazos interiores e de dez en exteriores, tanto no ámbito público como no privado, salvo que se trate de conviventes. Os xuíces destacan que a limitación sobre o número de persoas que se poden reunir “flexibilizouse”.

As medidas solicitadas polo Goberno galego, segundo os maxistrados, son “idóneas para a prevención e protección da saúde da poboación á que van destinadas; necesarias, dada a constatación dunha situación de perigo actual e real para a saúde dos cidadáns; e proporcionadas, ponderando os diferentes intereses en conflito”. Ademais, subliñan que as limitacións están “apoiadas por informes técnicos epidemiolóxicos” e que “se basean na evidencia científica e na experiencia acumulada”, polo que descartan que “teñan un impacto limitativo de dereitos fundamentais que poida considerarse desproporcionado e que esixa escoller entre outras alternativas menos  gravosas”.

“Aínda que as conclusións ás que chegan os informes técnicos achegados son esperanzadoras, completándose con gráficos que reflicten a evolución da Covid-19 en cada comarca nos últimos 45 días e táboas que mostran os casos e taxas a 14 días de varios concellos, a situación segue sendo preocupante”, indica o tribunal, quen advirte que “seguimos inmersos nunha pandemia que obriga ás administracións públicas a adoptar medidas preventivas que traten de garantir e protexer a saúde dos cidadáns”. O TSXG, ademais, destaca que están “perfectamente delimitadas no espazo e no tempo”. Así, explican que na orde do 26 de maio emitida pola Xunta “inclúese unha cláusula na que se prevé expresamente a posibilidade de acometer, durante o período de vixencia, unha modificación coa finalidade de adaptar as medidas á realidade da evolución da pandemia”.

Nivel máximo de alerta

O tribunal tamén autoriza o peche perimetral, a limitación de reunións entre non conviventes e a limitación da mobilidade nocturna nos tres concellos con nivel de restrición máxima, que son Lobios, A Pobra do Caramiñal e Mos. Así, explica que estas medidas “oriéntanse a reducir ao máximo a interacción social e evitar  contaxios”. Ademais, insiste en que “a súa xustificación baséase en criterios epidemiolóxicos”.

Habilitación comunidades

A Sala, con motivo de solicitudes anteriores de ratificación de medidas  limitativas de dereitos fundamentais, admitiu a habilitación da normativa estatal que ampara ás comunidades autónomas para adoptalas para facer fronte á situacións de grave risco contra a saúde pública: a Lei Orgánica 3/1986, do 14 de abril, de Medidas Especiais en Materia de Saúde Pública, a Lei 14/1986, do 25 de abril, Xeral de Sanidade, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, Xeral de Saúde Pública.

O TSXG indica no auto que “o debate sobre a suficiencia da habilitación normativa para a adopción por parte das comunidades de medidas que inciden no exercicio de dereitos fundamentais e liberdades públicas mantense vivo, a pesar de que o Tribunal Supremo pronunciouse sobre este tema na recente sentenza, número 719/2021, do 24 de maio”.

O Supremo avala a postura que mantén a Sala do TSXG, así como outros tribunais superiores de xustiza. “Fronte a esta postura, álzanse voces que negan tal habilitación legal á marxe dunha declaración de estado de alarma, cuestión sobre a cal o Tribunal Constitucional terá a última palabra”, sinalan os maxistrados do TSXG na resolución.