Dispútase a fase final das Ligas Universitarias de deportes colectivos
A pesar do forte vento, a chuvia e a néboa, o campus de Vigo acolleu este xoves unha nova edición do torneo Intercampus, a fase final das Ligas Universitarias de deportes colectivos. Nesta competición participaron algo máis de 150 deportistas, tanto estudantes como persoal de administración e servizos e persoal docente e investigador. Estaba previsto que ao longo da mañá se celebrasen as fases finais entre os representantes de cada un dos tres campus da UVigo en catro modalidades: fútbol sala masculino, fútbol masculino, rugby 7 masculino e voleibol mixto pero, finalmente, as malas condicións nas que estaba o campo impediron disputar os partidos de fútbol, que se adían ata poder fixar unha nova data. “A cantidade de auga acumulada impedía que o balón correse e non quedou máis remedio que suspender os partidos”, indicaban dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo.
Si que se xogaron os torneos de fútbol sala e voleibol, no pavillón universitario e de rugby 7 no campo de herba sintética. En total estaban citados para este torneo, que tamén busca promover a convivencia entre os diferentes participantes, 156 deportistas. O grupo máis numeroso era o de fútbol, con 48 participantes, 16 por cada campus, aínda que finalmente non puideron competir. Nas outras tres modalidades (fútbol sala, rugby e voleibol) participan 36 deportistas en cada unha, 12 en representación de cada campus. No caso do voleibol, única categoría mixta, os homes son maioría, 24 fronte a 12 mulleres.
Os equipos gañadores representarán á Universidade de Vigo no Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos que se disputará os días 13 e 14 de marzo no campus de Pontevedra, organizado pola UVigo.

