O Teatro Afundación Vigo acolle a representación do Ballet de Moldavia

A emblemática compañía poñerá sobre o escenario vigués a súa representación de O lago dos cisnes

No marco de «Cultura por alimentos», Afundación anima a todas as persoas asistentes a este evento a doaren alimentos non perecedoiros para os bancos de alimentos locais

Afundación, a Obra Social de ABANCA, acolle no seu Teatro Afundación Vigo mañá, mércores 4 de maio, ás 11.00 h a rolda de prensa arredor da representación de O lago dos cisnes a cargo do Ballet de Moldavia. A este encontro cos medios de comunicación acudirán Cristina Terentiev, prima ballerina; Juan Francisco Gómez, voceiro e tradutor do Ballet de Moldavia; e Cristina Iglesias, coordinadora de Sedes e Centros de Afundación. As entradas para este evento, que terá lugar o xoves 5 de maio ás 20.30 h no mesmo teatro, están dispoñibles a través de Ataquilla.com.

Esta representación enmárcase na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao acudir ao evento.