O sistema sanitaria vigués obtivo 116 órganos e tecidos de 17 doadores

Unha das charlas impartidas para fomentar a doazón.

Acadouse a cifra récord de 20 doazóns de pulmóns así como triplicar o número de páncreas extraídos (3)

O pasado ano, o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo rexistrou 17 doadores, dos que se extraeron un total de 116 órganos e tecidos. En concreto, 71 órganos (6 corazóns, 11 fígados, 3 páncreas, 20 pulmóns, 30 riles e 1 intestino) e 45 tecidos (córneas, osos, e segmentos vasculares).

Neste balance hai que subliñar a doazón dun intestino, órgano que hai 8 anos que non se obtiña, ademais de triplicar o número de páncreas, acadando 3 no pasado exercicio. Así mesmo, acadouse unha cifra récord de pulmóns (20).

En xeral, segundo explica o coordinador de Transplantes do CHUVI, Lucas Lage “os doadores do pasado ano presentaron un perfil de doador moi efectivo, xa que a idade media foi de 52 anos, nun rango entre 22 e 72 anos, polo que a calidade dos órganos a extraer estaba garantida. É necesario por en valor o compromiso dos equipos cirúrxicos dos hospitais do Chuvi e, por suposto, o dos doadores e as súas familias, ás que reiteramos o noso agradecemento así como o das persoas receptores deses órganos”.

Perfil do doador

No que atinxe ás causas de morte dos doantes, os motivos principais foron os accidentes cerebrovasculares (49%), seguidos de lesión cerebral por parada cardíaca (11%), e dos traumatismos craneoencefálicos por accidentes non de tráfico (11%).  Por accidente de tráfico tan só se rexistrou un doador (6%). 

Hai que subliñar tamén a consolidación da doazón en dous contextos clínicos determinados, o de Axuda para a Morte Asistida (PAM), e do Programa de Coidados orientados á doazón de órganos no caso de enfermidades neurodexenerativas avanzadas. Así, rexistrouse un doador tras a aplicación do PAM, e 2 doadores con enfermidades neurodexenerativas.

Un 71% máis de transplante medula ósea 

No referido á actividade transplantadora, no pasado ano realizáronse 150 transplantes, un 23% máis que no exercicio anterior.

Destes, 78 foron transplantes  de tecidos (61  córneas  e 17 membranas amnióticas) e 72 foron transplantes de proxenitores hematopoiéticos (medula ósea). Neste ámbito hai que subliñar o significativo incremento destes transplantes de medula, un 71% máis que no ano anterior.

Accións educativas

Así mesmo, lembrar que desde a Coordinación de Transplantes do Chuvi impartíronse 30 charlas no curso académico 2022-2023 para fomentar a doazón, e nas que participaron 1430 alumnos e alumnas de centros educativos dos diferentes concellos da Área Sanitaria de Vigo.