Poderán solicitar o cambio de hospital os pacientes dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e de determinados centros de saúde de Vigo
O Diario Oficial de Galicia publica a documentación que se deberá presentar no centro de saúde, nos servizos de admisión dos hospitais de Vigo ou a través de internet
Ábrese un prazo de 30 días naturais para que as persoas interesadas presenten as súas solicitudes
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución pola que se procede á apertura dun período de elección de provisor de asistencia sanitaria especializada na área sanitaria de Vigo. Así, o Servizo Galego de Saúde garante que os pacientes poidan elixir libremente o seu centro hospitalario de referencia, optando entre o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo ou o Hospital Povisa.
As persoas beneficiarias do Servizo Galego de Saúde dos centros de saúde dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar, así como, no concello de Vigo, dos centros de saúde de Coia, Bouzas, Coruxo, Navia, López Mora, Pintor Colmeiro, Nicolás Peña, Rosalía e Beiramar poderán facer efectivo o dereito á libre elección do paciente de provisor de asistencia sanitaria especializada.
As solicitudes de cambio para un ou outro hospital realizaranse no prazo comprendido nos 30 días naturais a partir do día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia da citada resolución.
No que atinxe á documentación necesaria, deberá achegarse a solicitude segundo os modelos que estarán dispoñibles na páxina web do Servizo Galego de Saúde, ademais de documento identificativo do solicitante (DNI, tarxeta de identidade de estranxeiro (TIE) ou pasaporte).
Se a petición a presenta un titor ou titora legal ou outra persoa autorizada, deberá presentarse tamén unha fotocopia do documento identificativo do solicitante e un documento que acredite a devandita titoría legal ou, no seu caso, o orixinal da autorización específica da persoa interesada. A solicitude presentarase no centro de saúde que, por razón de residencia, lle corresponda á persoa interesada, ou nos servizos de admisión de calquera dos centros hospitalarios integrados na área sanitaria de Vigo. Tamén será posible efectuar a opción de cambio a través da internet, nas condicións que se explicitan na páxina web do Sergas.

