O servizo de urxencias do Álvaro Cunqueiro desenvolve un programa de diagnóstico précoz de VIH

Desde a posta en marcha deste Programa, hai máis dun ano, xa levan diagnosticados a 7 novos pacientes con VIH positivo

Con motivo do Día mundial da SIDA que se conmemora hoxe, o servizo de Urxencias do Álvaro Cunqueiro desenvolveu unha sesión clínica recordatorio do Programa “Deja tu huella en la lucha contra el VIH. Pide una serología”, que este ano  centrouse na pneumonía no paciente mozo. A sesión correu a cargo da médico de Urxencias e coordinadora en Galicia desa iniciativa, Raquel Rodriguez Calveiro.

Esta iniciativa da SEMES (Sociedad Española de Medicina de Urgencias y Emergencias) enmárcase no Plan Vihxia, da dirección xeral de Saúde Pública. O obxectivo xeral da estratexia é diminuír o atraso diagnóstico do VIH fomentando a detección precoz do virus en determinadas situacións de risco.

O Plan vai dirixido aos médicos de urxencias, en colaboración co servizo de Microbioloxía, para ampliar a detección do VIH silente, nos pacientes que se achegan ás Urxencias hospitalarias por determinadas patoloxías. 

Este programa xa está implantado en Vigo desde hai un ano e desde entón levan diagnosticados 7 casos de pacientes con VIH positivos que estaban sen diagnosticar.

Enfermidades relacionadas con VIH

O protocolo establece unhas recomendacións para o diagnóstico precoz de pacientes con sospeita de infección por VIH e a súa derivación para estudo e seguimento. Neste senso, cando o médico de urxencias detecta algunha enfermidade que puidera estar relacionada coa infección por VIH, se indicará unha proba serolóxica.

A proba se realizará a aqueles pacientes que cumpran unhas condicións. Estar nun rango de idade entre 16 e 65 anos; non ter un diagnóstico positivo previo de VIH; e presentar algunha patoloxía como Pneumonía adquirida na comunidade, Herpes zóster, Síndrome mononucleósico, Infeccións de transmisión sexual ou Práctica do chemsex .

Urxencias, gran oportunidade diagnóstica

No momento actual, unha das accións prioritarias fronte ao VIH é a mellora do diagnóstico precoz da enfermidade, tanto para evitar a morbilidade individual como para cortar as cadeas de transmisión na comunidade.

En Galicia, ao igual que no resto do Estado, estímase que ao redor do 7,5% de portadores de infección polo VIH está sen diagnosticar.  Ademais, case a metade dos novos casos de infección polo VIH en Galicia presentan diagnóstico tardío , o que motiva a necesidade de promover aproba diagnóstica do VIH.

Os servizos de urxencias dos centros hospitalarios son un potente aliado nesta detección precoz xa que atenden a moitas persoas con situacións indicadoras de infección por VIH ou que comparten a mesma vía de transmisión. Polo tanto, Urxencias representa unha gran oportunidade  diagnóstica xa que neste servizo aténdese algún perfíl de pacientes que non acoden habitualmente a outros niveis asistenciais (mocidade, inmigrantes, pacientes con prácticas sexuais de risco, consumidores de drogas, etc).

Por outra banda, hai que subliñar que a Unidade de VIH da Área Sanitaria de Vigo ten en seguimento a 1.500 pacientes con VIH positivo.