A videofluoroscopia, técnica utilizada en moi poucos hospitais de España, permite visualizar directamente os problemas de deglutición dos pacientes
Con motivo do Dia Mundial da Disfaxia os especialistas insisten na importancia dun diagnóstico precoz para evitar as complicacións asociadas
Os pacientes con disfaxia orofarínxea teñen altas probabilidades de ingresos hospitalario por pneumonías, desnutrición, e incluso maior índice de mortalidade
Con motivo do Dia Mundial da Disfaxia que se conmemora mañá dia 12, o servizo de Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo ven a sumarse a esta conmemoración para visibilizar unha patoloxía que, moitas veces, está infradiagnosticada.
Así, hoxe deron a coñecer hoxe os resultados dunha nova técnica diagnóstica, a videofluoroscopia, que leva incorporada hai un ano á carteira de servizos hospitalarias, e que de momento está sendo desenvolvida en moi poucos hospitais españois.
A videofluoroscopia é unha técnica de radioloxía que permite ver directamente os defectos na deglutición do paciente. No Complexo vigués xa levan realizadas 60 videofluoroscopias. Segundo afirma a foniatra Azucena Jover, “trátase dunha técnica especialmente útil cando os pacientes presentan dificultades moi severas que fan que parte do bolo alimenticio se vaia á vía aérea. Esto é importante porque os pacientes con este problema teñen mais probabilidades de ingresar no hospital por pneumonías, desnutrición, e incluso se rexistra un maior índice de mortalidade por estos motivos. De aí a importancia do seu adecuado diagnóstico e tratamento. Unha correcta abordaxe reduce o tempo de hospitalización dos enfermos, así como os reingresos hospitalarios por complicacións respiratorias”.
Anualmente o servizo de Rehabilitación -un equipo composto por neurorrehabilitadores, logopedas e foniatras- atende a 250 pacientes con disfaxia.
O trastorno
A disfaxia é un trastorno da deglutición caracterizado por unha dificultade na preparación oral do bolo alimenticio ou no desprazamento do alimento desde a boca ata ao estómago- Pode ter unha orixe funcional (habitualmente neuróxeno) ou mecánica, e tamén pode ser secundaria a outros factores, como ás cánulas de traqueostomía ou algúns fármacos.
Ten maior incidencia nas idades máis avanzadas, en enfermos xeriátricos e institucionalizados, e naquelas persoas que sufriron un ictus.
A estes pacientes engádense os enfermos con patoloxías neurodexenerativas (Párkinson, demencias, ELA, Esclerose Múltiple, miastenia,…); os que pasaron por cirurxías otorrinolaringolóxicas ou neurolóxicas; ou poboación infantil con trastornos neurolóxicos. “Trátase dun problema de saúde con gran incidencia na calidade de vida de quen a padece e dos seus familiares ou coidadores, que afrontan con moita inseguridade e medo as horas das comidas. Aínda que a maioría das disfaxias non son curables, o conxunto de terapias pautadas, como a logopedia, as recomendacións posturais, e os exercicios para potenciar a zoa, son moi efectivas e dan moi bos resultados”, explica a doutora Azucena Jover.

