O servizo de rehabilitación do Chuvi edita un libro sobre técnicas intervencionistas do ombreiro doloroso

Trátase dun proxecto de formación coordinado polo xefe de servizo, Javier Juan, que tamén conta coa colaboración de profesionais doutras áreas sanitarias de Galicia

O servizo de Medicina Física e Rehabilitación da Área Sanitaria de Vigo ven de editar un libro titulado “Notas en rehabilitación  intervencionsita del hombro doloroso”, que tamén contou coa colaboración de profesionais doutras áreas sanitarias de Galicia.

ViaGalicia
Ardan

Trátase dun proxecto de formación liderado e coordinado polo xefe de servizo de Rehabilitación do Chuvi, Javier Juan, para fomentar a formación dos especialistas nas  técnicas intervencionistas en patoloxía dolorosa do ombreiro.

Segundo explica o doutor Juan “o ombreiro doloroso constitúe unha das patoloxías máis frecuentes entre todas as do aparello locomotor, e o emprego dun correcto tratamento afecta considerablemente á calidade de vida do paciente. Na última década tense avanzado moito nas terapias grazas a incorporación do novos procedementos realizados polo médico rehabilitador, as chamadas técnicas de rehabilitación intervencionista, que melloran a asistencia a estas patoloxías de xeito moi significativo.”

Primeiro libro dedicado á rehabilitación intervencionista

As causas desta dor poden deberse a diferentes procesos patolóxicos como os tendinosos, inflamatorios e, sobre todo, a procesos dexenerativos articulares que cursan con discapacidade.  En definitiva, trátase dunha afección común en adultos e unha causa prioritaria de discapacidade funcional, polo que representa un problema médico e socioeconómico importante.

“A alta prevaleza de lesións tendinosas, calcificacións, inflamacións da cápsula, afectación por ictus, etcétera, precisa de expertos que saiban valorar e empregar un tratamento axeitado  para mellorar a calidade de vida do paciente; de ahí, a finalidade docente desta publicación”.

O libro estrutúrase en 11 capítulos, desenvolvidos  por médicos rehabilitadores do Chuvi e por profesionais de A Coruña, Santiago e Ourense, que teñen colaborado como membros da Escola de Rehabilitación Intervencionista da Sociedad Gallega de Rehabilitación (SOGARMEF). Os exemplares serán distribuídos a través desta Sociedade.

Trátase do primeiro libro dedicado especificamente á rehabilitación intervencionista  do ombreiro doloroso, polo que agrupa os diferentes aspectos da súa abordaxe terapéutica, desde a exploración ecográfica, pasando polas técnicas básicas de rehabilitación intervencionista ata os procedementos máis complexos, que requiren adquisición de habilidades e de tecnoloxía para a súa correcta utilización. Ente outros, cabe subliñar os apartados dedicados as infiltracións, bloqueos nervios periféricos, lavado de calcificacións, uso de toxina botulínicia, radiofrecuencia pulsada, ou o uso de plasma rico en plaquetas.

O contido desta edición conta cunha importante ilustración, con fotografías e infografías que fan que a obra sexa moi didáctica para todos os profesionais que se dedican a esta patoloxía.

1.750 pacientes anuais

O servizo de Rehabilitación conta cunha Unidade de Alta Resolución de Ombreiro que atende a 1.750 pacientes anuais. Nesta Unidade se realizan diferentes tratamentos intervencionistas, como os bloqueos nerviosos, do que se benefician 400 pacientes ao ano.

Nos últimos tempos o servizo de Rehabilitación ten realizado diversas investigacións no campo do control da discapacidade e de dor dos pacientes, o que lle ten valido varias distincións e recoñecementos a nivel nacional.