Dedicouse a súa memoria unha Aula de Docencia do hospital Meixoeiro
O servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo rendeulle unha homenaxe póstuma ao seu compañeiro recentemente falecido, o doutor Julio Montes. Así, dedicouse a súa memoria a Aula de Docencia de Medicina Interna do hospital do Meixoeiro.
Nun pequeno pero emotivo acto, a súa viúva, a artista Yolanda Carbajales, descubriu unha placa conmemorativa en presenza do xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente; do xefe do servizo de Medicina Interna, Manuel Crespo; e de numerosos compañeiros e compañeiras. No transcurso deste evento definiuse a Julio Montes como “médico humanista” e destacouse a súa figura humana, profesional, intelectual e artística. Ademais, o xefe de sección de Medicina Interna, Roberto Pérez, fixo unha doazón dun gravado realizado pola mesma Yolanda Carbajales, que decorará a devandita Aula.

