O Sergas publica a relación de 72 médicos de familia seleccionados para incorporarse nas vindeiras semanas a centros de saúde de difícil cobertura

Na área sanitaria de Vigo ofértanse 7 prazas fixas

O Diario Oficial de Galicia, na súa edición de hoxe, publica a relación de 72 persoas aspirantes definitivamente seleccionadas no proceso selectivo, polo sistema de concurso de méritos, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo na categoría de facultativo especialista de atención primaria. Ademais, publícanse as súas puntuacións para proceder á elección de prazas de difícil cobertura desde o vindeiro luns 18 de decembro.

Desta forma, nas próximas semanas incorporaranse 72 profesionais de medicina familiar e comunitaria, dos cales oito non traballaban previamente no Servizo Galego de Saúde.

A oferta de postos de difícil cobertura distribúese en 23 prazas na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco; 15 en Santiago de Compostela e A Barbanza; 11 en Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 8 en Ferrol, 7 en Vigo; 5 na área de Pontevedra e O Salnés e 3 na Coruña e Cee).

En concreto, na área de Vigo, ofrécese prazas fixas no centro de saúde de Aldán-O Hío; Arbo; Covelo; Pazos de Borbén-Fornelos; Ponteareas e 2 en Redondela.

Co fin de axilizar a adxudicación de prazas, todos os aspirantes (incluídos os que non teñen a condición de seleccionados) poderán elixir as prazas da súa preferencia nun acto de elección telemático, para que, no suposto de quedar prazas sen adxudicar entre as médicas e médicos seleccionados, se poida realizar a selección dun novo aspirante pola orde de prelación que resulte da lista definitiva entre aqueles/as aspirantes que teñan elixido os destinos non adxudicados.

Cómpre remarcar que o persoal MIR desta especialidade que terminou no mes de maio puido optar a estas prazas, sendo Galicia a única comunidade autónoma cun sistema de provisión de persoal sanitario que permite a un especialista médico rematar a residencia e ser persoal fixo nese mesmo ano. Ao respecto, hai tres facultativos especialistas de atención primaria que resultan adxudicatarios e remataron o período de residencia en 2023.

Galicia segue a dar, pois, resposta á necesidade de minimizar o déficit de persoal en atención primaria, namentres o Goberno central non reforma a lexislación do Estatuto Marco de persoal estatutario dos servizos de saúde, tal e como acordou por unanimidade o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde en abril de 2018.

A través da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario do Sergas, a sanidade pública galega contará con 178 novos médicos de familia con praza en propiedade en postos de difícil cobertura e que terán atención ordinaria en centros de saúde e dúas gardas ao mes nos Puntos de atención continuada (PAC) de referencia, cun cun compromiso mínimo de permanecer nese posto durante dous anos.

Novas prazas por concurso-oposición

Ademais, a Consellería de Sanidade ampliará en próximas datas o prazo de convocatoria do concurso-oposición de médico de familia para incluír as prazas da oferta de emprego público de 2023 aprobada o pasado mes polo Consello da Xunta. Polo tanto, ás 150 prazas xa convocadas, sumaranse 121, facendo un total de 271 prazas ofertadas polo sistema de concurso-oposición nesta categoría.

A Xunta continuará a materializar o seu compromiso de estabilización de emprego e desenvolverá os exames desta convocatoria no primeiro cuadrimestre do ano 2024.